annaO vindeiro día 14, mércores, o Celta Bosco pode celebrar a súa salvación de forma matemática.

A dúas xornadas para o final do campionato (tres para celestes e pamplonicas, que teñen un partido aprazado ante rivais de Euroliga), as de Carlos Colinas encamiñaron a salvación tras o seu último triunfo fronte a La Seu (64-53) e pola derrota de Obenasa en Pamplona (90-94) contra o Sóller este venres logo dunha prórroga.

O mércores, no Multiusos de Navia (21:00 horas), as viguesas salvaranse se gañan... ou sempre que o Obenasa navarro caia media hora antes no polideportivo Arrosadía fronte ao Ros Casares valenciano, o único equipo que non perdeu un só partido no torneo regular esta tempada.

As navarras deben vencer nos seus tres compromisos (ante Ros Casares e Tintos de Toro de Zamora en casa e fronte ao Xirona a domicilio) para evitar a permanencia, sempre que Celta e Hondarribia non somen oito triunfos. Se se dese un dobre ou triplo empate con irundarras e viguesas, baixa o Obenasa. No pouco probable caso de que Obenasa sorprenda ao Ros, na penúltima xornada visita ao terceiro equipo da Liga, o Xirona, que pelexa por xogar os play-offs semifinais polo título, e que na xornada final chegará a Vigo.

A salvación acadarase xusto nun 2012 especialmente significativo para o baloncesto vigués: cúmprense 30 anos do único dobrete céltico na elite. O Celta Citroën gañou Liga e Copa en mes e medio en 1982. A Liga, grazas a que na derradeira xornada derrotou por 66-55 ao Comansi barcelonés nas Travesas precisamente o día da Reconquista (28 de marzo), superando así ao seu rival polo basket-average particular; a Copa da Raíña, na histórica pista de Punta Arnela, en Ferrol, o 16 de maio fronte ao Complutense (101-68), logo de tombar en semifinais ao Comansi a dobre partido. Ningún outro club galego deste deporte ou de calquera modalidade feminina de equipo conseguiu dita xesta.