damirisDantas xogará o encontro da mañá do sábado nas Travesas (12:00) diante do Zaragoza.

Onte foi bronce nos Xogos Panamericanos de Gualaxara (México). E as súas bágoas foron captadas polo fotógrafo.

 

Damiris Dantas (Sao Paulo, Brasil, 1992) poderá estar dispoñible para o partido que este sábado xogarán no pavillón central das Travesas o Celta Bosco e o Mann Filter Zaragoza (12:00, Teledeporte).

A pivote aterra en Vigo mañá xoves tras ser esta madrugada medalla de bronce nos XVI Xogos Panamericanos de Guadalaxara (México). Dantas foi este verán bronce no Mundial sub 19 de Puerto Montt (Chile) no que Carlos Colinas, Marina Delgado e Mario Muñoz colgáronse a prata con España, pero ademais gañou o ouro no Campionato de América (equivalente ao Eurobasket e que se denomina FIBA Americas) de Neiva Huila (Colombia), que lle outorgou praza para os Xogos Olímpicos de verán en Londres o ano que vén, nos que España non ten billete.


A brasileira, que xogou fronte ao Zamora nas Travesas no seu debú na Liga Feminina 11/12 pero non viviu a vitoria en Eivissa, realizou un correcto campionato ás ordes de Enio Vecchi. Na fase de grupos achegou 11 puntos e 3 rebotes ante Canadá (78-53), 11 puntos e 2 rebotes fronte a Xamaica (116-34) e 3 puntos e 4 rebotes contra Colombia (86-53); 15 puntos e 7 rebotes ofensivos ante Porto Rico en semifinais (68-69) e 5 puntos e 8 rebotes de novo fronte a Colombia (87-48) no partido polo bronce.

A moza brasileira tivo a posesión para eliminar ás boricúas en "semis", pero o seu lanzamento non entrou e o posterior de Erika de Souza tampouco. Porto Rico, que a 38 segundos da conclusión da súa semifinal defendía con uñas e dentes a súa vantaxe dun punto, acabou gañando o primeiro Panamericano da súa historia e as bágoas de Dantas deron a volta a América (e a internet) coa foto da axencia Reuters que reproducimos nesta información.