O Memorial Gómez Carballo-Camilo Pérez disputarase en xaneiro, probablemente o día de Reis, ante a imposibilidade de confirmar un equipo europeo de alto nivel para o próximo mes de decembro, como a priori se quería.

O Celta Indepo, que o pasado 6 de setembro celebrou catro décadas dende que o nome do Celta chegou ao baloncesto feminino, quere dedicar boa parte deste momento histórico á figura de José Manuel Gómez Carballo, presidente do Club Deportivo Bosco de 1996 a 2001, cando faleceu xunto ao vicepresidente Camilo Pérez en accidente de tráfico. Precisamente esta semana cumpríronse 40 anos do primeiro partido oficial do Celta na Liga Feminina. Foi en As Travesas o domingo 19 de outubro de 1969, e o Celta debutou na Liga impoñéndose ao Medina de Salamanca por 55-26, con 29 puntos da aleiro viguesa María del Carmen Martínez, que en 1971 se converteu na primeira internacional absoluta do conxunto local.

Significará o encontro internacional amigable a quinta edición do Memorial, que antes se disputou en 2001, 2002, 2003 e 2006 e que Paco Araújo, presidente da entidade bosquista, quere que se xogue unicamente cando o cartel poida presentar un rival de nivel acorde coa etapa de éxitos que sumou o club con Gómez Carballo na presidencia (dúas Ligas e unha Copa dende 1999 a 2001). O Celta Indepo pretende invitar numerosas ex xogadoras e técnicos ao devandito encontro, para o que Carlos Colinas, director deportivo, mantén negociacións.