Recta final para o Campionato de España de baloncesto infantil

Imprimir

logoctbaloncesto2011Entramos na semana final para o XXVII Campionato de España de baloncesto feminino infantil que se vai celebrar na nosa cidade do 19 ao 25 de xuño. Foron moitas semanas de traballo, reunións, nervios por parte do RC Celta de baloncesto co obxectivo de preparar un gran campionato que estea á altura dos participantes e os acompañantes ao evento.

Serán 64 partidos en sete días. Un total de 349 xogadoras e 94 técnicos/as serán os protagonistas. Catro pavillóns (Navia, Bouzas, Central e Cuvi) acollerán os tres primeiros días de competición, no que se desenvolverá o groso de partidos coa primeira fase. Serán 48 partidos que dirimirán os que son os 16 mellores equipos de España en categoría infantil.

Chegados a ese punto da competición, os cruzamentos arrancarán en oitavos de final para dicir quen é o mellor equipo de España infantil. O campión disputará un total de sete partidos. O regulamento pasarela que se aplicará na competición obriga a que todas as xogadoras xoguen polo menos un cuarto e descansen outro, o que permitirá que o nivel físico se manteña ao ancho dunha competición tan longa.

O sábado comezarán a chegar a maioría dos conxuntos que xunto aos seus acompañantes darán colorido á cidade, xunto aos compoñentes dos equipos arbitrais.

A conta atrás xa está en 5 días. Moi pronto... ¡Comeza o espectáculo!