celtadiciembre2010Ao gañar na Paterna ao Gran Canaria 2014 (67-70), o Celta Indepo selou de forma matemática a súa permanencia na Liga Feminina, na que o Club Deportivo Bosco mantén a súa presenza ininterrompida dende 1996.

Son quince anos consecutivos na elite, o que só dous clubs máis, Perfumerías Avenida e La Caja de Canarias, acadaron esa regularidade.

As xogadoras que adestra Miguel Méndez obtiveron a súa sétima vitoria no campionato, segunda a domicilio, e evitan calquera preocupación para as dúas xornadas que faltan por celebrarse, dado que o Obenasa Navarra perdeu en Pamplona (56-71) e queda xa a dous triunfos das viguesas, que en caso de empate teñen o basket-average a favor.

As celestes, que tiveron ata 16 puntos de vantaxe (31-47, m.12), alcanzaron o descanso con mando claro (29-43), pero no terceiro tempo o rival achegóuselles cun parcial de 10-2 (de 43-53 a 53-55). No derradeiro período, as insulares deron a volta ao marcador (de 59-61 a 64-61, m.36), pero a 29 segundos do final Michulkova anotou dous dos tres tiros libres que tivo e puxo o marcador 67-69. O equipo amarelo buscou a tripla, fallou, reboteó en ataque e, con nove segundos por xogarse, Domingo Díaz, o seu adestrador, pediu tempo morto. Unha nova tripla, esta vez de Rosi Sánchez, tampouco entraría e unha falta sobre Jordana, que anotou o primeiro dos tiros libres co tempo a cero, pechou o marcador (67-70).

É a terceira vitoria viguesa nas Palmas en Liga no que vai de século, cuarta recordando a semifinal de Copa de xaneiro de 2001, e sempre triunfos con Miguel Méndez no banco. As galegas, como Celta Banco Simeón, gañaron en 2004 (03/04) por 70-73, e xa como Celta Indepo en 2008 (08/09) por 59-77. A croata Sliskovic asinou 22 puntos e 15 rebotes, e a lituana Stakneviciene acabou con 18 puntos e 5 rebotes.

No mes que se cumpren dez anos do falecemento do presidente do club, Gómez Carballo, e dun dos seus vicepresidentes, Camilo Pérez, o equipo ofrece a súa pequena homenaxe a quen guiou á entidade aos últimos títulos, as Ligas de 1999 e 2000 e a Copa de 2001.

Ao quinteto vigués réstanlle dous encontros para concluír a competición, o mércores nas Travesas fronte ao Palacio de Congresos de Eivissa (19:00 horas) e o sábado en Olesa.