O Aldasa intentará dar a sorpresa ante o Fundosa Once nos cuartos de final da Copa do Rei

Imprimir

amfivcarreraO Aldasa Amfiv atópase xa en Marbella para afrontar este fin de semana a súa participación na Copa do Rei de baloncesto en cadeira de rodas, unha competición na que os vigueses, a pesar de estar encadrado na parte máis complicada do cadro, esperan facer un bo papel.

Non obstante, a ninguén no conxunto vigués lle escapa a mala sorte que os pupilos de César Iglesias tiveron no sorteo de emparellamentos ao ter que medirse nos cuartos de final (sábado, 10.00 horas) a un dos grandes favoritos a facerse co título copero: o Fundosa Once. Malia todo, o Aldasa confía en mostrar a mellor versión de si mesmo para competir ante os madrileños e intentar dar a auténtica campanada.

O técnico vigués, César Iglesias, móstrase moito máis contento co traballo previo a esta cita realizado polos seus xogadores. "Estivemos moito máis centrados nos adestramentos. O traballo esta semana foi bo", resume Iglesias. Un factor importante nesta mellora foi a recuperación de Julio Vilas, xa plenamente integrado no traballo de grupo unha vez superada a súa fractura no xeonllo dereito. "Co regreso de Julio puidemos traballar o cinco para cinco e iso permítenos corrixir e adestrar cousas que antes non podiamos", puntualiza o adestrador do Amfiv.

A derrota na última xornada liguera ante o CID Casa Murcia Getafe (50-55) serviu, curiosamente, como bálsamo para recuperar a tocada moral dos vigueses tras a súa eliminación europea en Norrkoping. "O partido, a pesar de que perdemos, foi como un punto de inflexión. Seguimos fallando moitas situacións doadas pero o equipo mostrou outra cara e iso provocou que esta semana de traballo se vivise doutra forma. Ata os xogadores tiñan outra cara", resalta Iglesias.

Por iso, o preparador do Aldasa confía en que o seu equipo poida facer un bo papel en Marbella. "Non creo que nos pese o sucedido na euroliga. A Copa do Rei é unha competición distinta. É o torneo do K.O. Aquí sabes que non hai marxe de erro. Se perdes o primeiro partido, vaste para casa. En Norrkoping había que xogar tres encontros", recorda. Ademais, Iglesias considera que mentalmente tamén son competicións diferentes. "Na euroliga si que tiñamos presión porque o club sempre se clasificara para unha das fases finais europeas. Na Copa do Rei non existe esa presión. Valladolid e Fundosa son os dous grandes favoritos a xogarse o título. Nós xogamos ante un de eles, Fundosa, e toda a presión é para eles. Que gañásemos nós sería unha sorpresa pero imos loitar coa máxima ilusión para conseguilo", puntualiza o técnico do Aldasa.

Porque César Iglesias saben que se os seus pupilos mostran a súa mellor versión poden ter opcións de superar ao todopoderoso Fundosa Once. "Contan cun xogador como Pollock que domina o xogo exterior e logo dous homes dentro como Bywater e Chambers que impoñen a súa altura e corpulencia nas zonas. Ademais, os outros xogadores saben colocarse e traballar perfectamente para solucionar en caso de que sexa necesario", analiza Iglesias. No compromiso ligueiro disputado en Bouzas, o cadro vigués xa rozou a sorpresa (64-72). "Conseguimos dominar os dous primeiros cuartos pero non foi suficiente para conseguir a vitoria xa que as eliminacións por faltas persoais de Bernabé Costas e Lorenzo Envó na recta final do partido nos deixaron sen opcións", recalca o técnico olívico.

En caso de superar o complicadísimo compromiso matutino de cuartos de final ante o Fundosa Once, o Aldasa Amfiv tería apenas unhas horas de descanso antes de afrontar ás 17.00 horas as semifinais ante o vencedor do choque entre o Fuhnpaiin Peraleda de Toledo e o Once Andalucía sevillano, o vixente campión desta competición. Non obstante, Iglesias prefire "non pensar en situacións hipotéticas. De momento, nós temos que estar centrados única e exclusivamente no partido ante o Fundosa Once das dez da mañá. Non paga a pena perder o tempo falando e pensando nunha situación que pode non producirse".


XXXIII COPA DE S.M. O REI DE BALONCESTO EN CADEIRA DE RODAS
MARBELLA 2011 - Pazo dos Deportes de San Pedro de Alcántara

Sábado 26 de Marzo
Cuartos de Final
10.00 horas:
      (A) FUHNPAIIN PERALEDA TOLEDO - ONCE ANDALUCÍA (Pista central)
      (B) C.D. FUNDOSA ONCE - ALDASA AMFIV VIGO (Pista lateral)

12.00 horas:
      (C) FUNDACIÓN GRUPO NORTE - MIDEBA EXTREMADURA (Pista central)
      (D) C.I.D. CASA MURCIA GETAFE - LAS PALMAS DE GRANDE CANARIA BSR (Pista lateral)

Semifinais
17.00 horas:
      (E): Vencedor 'A' - Vencedor 'B'

19.15 horas:
      Concurso de Triplos

20.00 horas:
      (F): Vencedor 'C' - Vencedor 'D'

Domingo 27 de Marzo
9.30 horas:
      3º e 4º Posto
      Perdedor 'E' - Perdedor 'F'

11.30 horas:
      Partido exhibición: BSR Marbella - combinado

12.30 horas:
      Final
      Gañador 'E' - Gañador 'F'

14.30 horas:
     Clausura e entrega de trofeos