cintia1A viguesa Tamara Abalde, dende o luns adestrando en Pamplona coas súas novas compañeiras, non será aplaudida o vindeiro día 15 nas Travesas senón no pavillón de Navia.

O Celta Indepo xogará nesa data, ás 18:30 horas, o seu partido da décimo cuarta xornada, primeira da segunda volta, fronte ao Obenasa Navarra.

O "match" é vital na loita pola permanencia e as pamplonicas presentaranse en Vigo con dúas fichaxes respecto da primeira xornada ligueira, as ex célticas Abalde e Dos Santos (na imaxe, o día da súa presentación en VIDE). O encontro debía xogarse o venres 14 nas Travesas, pero nesa data o pavillón central está ocupado polo debú do equipo de veteranos do Celta, fronte ao Deportivo, no campionato estatal de fútbol indoor.

O club que preside Paco Araújo decidiu levar o choque ao sábado ás seis da tarde nas Travesas, para a continuación (20:30 horas) saltar á pista o Pilotes Posada e o Barcelona na continuación da División de Honra Prata de balonmán. Tería sido un gran programa dobre para o Central.

Con todo, finalmente a petición cursada á FEB indicaba que o partido xogarase en Navia, media hora despois do inicialmente pensado. Será, xa que logo, o segundo encontro oficial dun club de elite no polideportivo de Navia, e de novo co protagonismo para o Celta Indepo. A entidade céltica está encantada coa nova pista e o seu desexo é achegar o equipo a Navia. Non é unha formulación baladí: Navia converteuse nunha cidade dentro de Vigo cunha poboación que rolda os 20.000 habitantes. Alí xa xoga El Olivo Novacaixagalicia de fútbol feminino e fidelizar a esa poboación cunhas cores, como ocorre en Coia co Seis do Nadal (balonmán e baloncesto) e co Uorsa Vigo é unha idea excelente aínda por desenvolver. E todo, sen que o pavillón central das Travesas, o maior coliseo do deporte vigués, perda protagonismo.

Dáse a circunstancia de que Navarra chegará a Navia con dúas ex célticas nas súas ringleiras, Abalde e Cintia dos Santos. A brasileira coincidiu en Vigo con Tami a tempada 2006/2007, campaña na que as viguesas salváronse na xornada final ao vencer en Eivissa. Dos Santos promediou en Vigo 10,5 puntos e 6,4 rebotes. Para Tamara será esta a segunda oportunidade que xogue na nosa cidade con outra camiseta que non sexa a celeste. En abril de 2009 gañou nas Travesas co Rivas (50-53), achegando 11 puntos en 30 minutos de xogo. En marzo de 2010 o Rivas tamén venceu (51-75) pero Tamara estaba mancada.

A derradeira xornada que Cintia e Tamara xogaron xuntas en Vigo (nas Travesas) foi o 18 de marzo de 2007 (Celta Vigourbán-Rivas, 51-75).