nuevonaviaPortas abertas no Celta Indepo-Olesa, este sábado no pavillón de Navia. A xunta directiva do Club Deportivo Bosco, que preside Paco Araújo, decidiu que o vindeiro encontro que disputará o Celta Indepo, primeiro no polideportivo de Navia (por ocupación do pavillón das Travesas coa Copa Asobal), sexa de acceso gratuíto para todos os afeccionados.

A transcendencia do choque ante o conxunto catalán (sábado 18, 18:00 horas) e a estrea para as viguesas da nova, moderna e vangardista instalación levaron aos dirixentes bosquistas a tomar este acordo para o que será o derradeiro evento de equipos do club en Vigo este ano.

O equipo que adestra Miguel Méndez, cunha xeira negativa de resultados (seis derrotas en fila) non está en zona de descenso porque é undécimo, pero si vai empatado a puntos co decimosegundo (La Seu) e o penúltimo (Olesa), que xa está en zona de descenso ao baixar dous. No 2006 o Celta chegou a perder nove seguidos (de 4-2 a 4-11).

A situación para o Celta Indepo é grave porque hai que remontarse ás dúas tempadas que coqueteou co descenso ata o derradeiro choque para atoparse cun caso así. Na tempada 2005/2006 as viguesas tiñan o mesmo balance que agora (3-9) pero eran antepenúltimas cun triunfo de vantaxe sobre o descenso; na 06/07 tamén había esa diferenza, que agora non existe.

A igualdade actual é un feito incontestable co triplo empate entre undécimo, decimosegundo e decimotercer clasificado. Por iso urxe a vitoria en Navia, para pechar a primeira volta cun triunfo sobre o penúltimo clasificado. Na 05/06 as celestes remataron a primeira volta con dúas vitorias sobre o posto 13, aínda que o equipo só gañou catro partidos. E no Nadal de 2006 a diferenza era dun triunfo de vantaxe, tamén cunha bagaxe de 4-9.

Na historia do Bosco en Liga Feminina o Celta xogou partidos oficiais nas Travesas e O Berbés, polo que Navia será a terceira pista. En Bouzas só se disputou a Copa Galicia.