O Celta Indepo xogará en Navia diante do Olesa ás 18:00 horas para non coincidir coa Copa Asobal

Imprimir
vistanavia2Finalmente o Celta Indepo xogará o seu próximo partido en casa, fronte ao Olesa o día 18, ás 18:00 horas. O encontro corresponde á derradeira xornada da primeira volta e, como nela se deciden os clasificados para a fase final de Copa (Final a Catro por segundo ano consecutivo), a Federación Española de Baloncesto decretou horario único (20:00 horas).

O problema para o Celta era que este sábado Vigo recibe a XXI Copa Asobal e xóganse nas Travesas as semifinais ás 16:00 e 20:00 horas. O club que preside Paco Araújo quería contar en Navia, onde xogará, co maior número de afeccionados nun partido tan importante para a loita pola permanencia, e a coincidencia horaria co encontro Ciudad Real-Valladolid (20:00 horas) podía restar afeccionados a Navia.

O club bosquista tivo que solicitar o permiso de todos os clubs, segundo marca o regulamento, para fixar o choque ás 18:00 horas. Iso permitirá aos seus seguidores acudir despois ás Travesas se desexan seguir a segunda semifinal do torneo de balonmán.

Será a primeira oportunidade que o pavillón de Navia reciba un partido de elite. Dende a súa inauguración en novembro xa albergou adestramentos de equipos base e esta pasada fin de semana encontros tamén de categorías inferiores e de equipos de categorías autonómicas. Igualmente serviu para presentar a candidatura á Alcaldía de Vigo de Santiago Domínguez (BNG) e este domingo presentouse nel o Club Baloncesto Seis do Nadal-Coia, mellor club de Vigo e comarca dende a tempada 2001/2002 á 2008/2009 segundo o ranking da Delegación Viguesa de Baloncesto.