miguelMiguel Méndez, adestrador do Celta Indepo, afronta o primeiro partido oficial da tempada 2010/2011 en casa, este mércores diante do Girona FC nas Travesas (21:00 horas), despois de gañar na xornada inaugural na pista de Pamplona ao Obenasa. E o preparador vigués considera que "gañar os partidos de Vigo" será fundamnental para ter unha tempada tranquila.  
- Como valora o equipo 10/11 respecto do 09/10?
- Tratamos de que este grupo fose parecido, cambiando só algún cromo. Perdemos a Pilar Valero, unha anotadora con experiencia, e trouxemos a Luisa Michulkova, que quizais non é a triplista que era Pilar pero si pode anotar doutros xeitos. Con moito menos diñeiro cubrimos a figura do tres alto, que outros equipos non teñen ou non se estila pero que quero. Non temos xogadoras atléticas para rebotear e gústame completar o equipo cun tres con centímetros. Non podemos ir a por xogadoras contrastadas e fichamos a Kooij, que xogaba por dentro no seu país e traballamos para que aquí o faga por fóra.

- Primeiro partido en Vigo tras vencer en Pamplona e logo dunha pretemporada con poucos amigables ante rivais de LF.
- Foi unha pretempada diferente. Recibimos este verán un grupo heteroxéneo: cinco xogadoras que levaban catro meses paradas e outras cinco que viñan de competir (Preeuropeo). Esa diferenza alterou todo o traballo. O formato da Copa Galicia, ocupando catro fins de semana, tampouco axudou, porque os partidos contra equipos de inferior categoría valen para o que valen. Imos atrasados no táctico, aínda que polo de agora estámolo ocultando un pouco porque as novas están lesionadas.

- O primeiro obxectivo, manter a categoría?
- Pretendo seguir a liña do ano pasado: xogar en equipo. Estou metido na filosofía do club e temos que seguir construíndo o equipo para continuar coas xogadoras máis dun ano. Con toda a humildade temos que gañar os partidos de casa que nos permitan, como o ano pasado, estar tranquilos, porque somos un dos equipos que cada tempada están no fío da navalla. Se de súpeto tes lesións, hai un partido que... pasamos a mirar para abaixo.

- Hai un calendario moi cargado en outubro, con seis partidos.
- Paréceme o mesmo de todos os anos. O Mundial rematou tarde e o Europeo empeza pronto, en xuño do 2011. Pero o coñecemento do deporte en xeral dos que o fan é cero, e non consultan nada, porque logo é estraño que do 18 de decembro ao 15 de xaneiro esteas sen competir. A Liga como organización se debería parar a pensar isto. Hai que gañar todos os partidos de casa, sabendo que os encontros contra Ros Casares, Perfumerías Avenida e Rivas son para gozar e dar o nivel pola dificultade que os rivais teñen.

- Por vez primeira en anos puido manter a parella de estranxeiras interiores.
- É un dos éxitos que tivemos este verán. Ambas tiveron ofertas e custounos moito que viñesen outras pola relación calidade-prezo de Stakneviciene e Sliskovic, porque por esa relación non hai outra parella interior no mercado. Dannos estabilidade e Egle é diferente porque cos cambios nas normas do xogo (liña de tres puntos a 6,75 metros) as xogadoras que poden anotar de lonxe van crear moitos espazos ás demais.

- Que opina do Xirona, primeiro rival nas Travesas?
- É un equipo de moitísima altura. Teñen un cinco inicial do mellorciño da liga, con tiro, altura, rebote e experiencia. As rotacións son de xogadoras novas e internacionais. Perdeu ante Extrugasa pero acaba de recibir ás súas estranxeiras (a pivote estadounidense Crystal Kelly e a exterior búlgara Evelina Guneva chegaron hai dez días).