nuevasO comezo da Liga Feminina 2010/2011  ten unhas particularidades que só o afeccionado con memoria de longo percorrido pode lembrar.

O Celta Indepo pisará este sábado (19:00 horas) unha pista, a do pavillón de Arrosadía, en Pamplona, á que non acode dende o 11 de outubro de 2001.

Na tempada 2001/2002 nela gañou por 59-67 ao C.B. Navarra, popularmente coñecido por CBN, un equipo que meses despois, o 16 de xuño de 2002, pechaba as súas portas angustiado polas débedas. Naquel Celta Banco Simeón figuraban catro nomes que a día de hoxe mantéñense: Miguel Méndez, Noemía Jordana, Susana García e Pilar Valero. Daquel CBN ninguén queda no rival de hoxe.

A volta a Navarra, comunidade que se pasou oito anos sen baloncesto feminino de elite, tamén supón o retorno do Celta á terra que en 1988 beneficiouse da desaparición da sección deportiva do club de fútbol; o CBN recibía da FEB a praza deixada pola entidade presidida por José Luis Rivadulla.

Agora, o Unión Navarra Basket (UNB), que veu a luz no 2007, ocupa o oco deixado por Juan Ustarroz (hai uns días en Vigo por asuntos profesionais) e o CBN, que entre 1988 e 2002 mantiveron á cidade pamplonica na máxima categoría e que xogou as seis primeiras edicións da Liga Feminina, denominación do campionato tomada en 1996.

O rival céltico. O Obenasa subiu na fase de ascenso de Vilagarcía e presenta un equipo competitivo. César Rupérez, o seu adestrador, mantivo dúas estranxeiras básicas o ano anterior en LF-2, a ala-pivote letona Dace Cinite e a exterior arxentina (tamén con nacionalidade checa) Cecilia Liñeira, tendo fichado este verán á escolta madrileña Paula Palomares (1,71), á serbia Milena Vukicevic (1,90), do Partizán e ex UB Barça, e á pivote estadounidense Kaayla Chones, do Uni Girona, ademais dunha xogadora coa que Jordana coincidiu na súa etapa no Olesa Espanyol, a base Helena Boada.

Obviamente, a ilusión é moita nas filas navarras, aínda que para este encontro non teñen á serbia Vukicevic, mancada no pé dereito. Tampouco Miguel Méndez, preparador das viguesas, está para tirar foguetes por culpa das lesións: Michulkova, que achega tiro exterior, e Kooij están K.O. (rotura de fibras e edema no nocello, respectivamente) e o equipo celeste perdeu hai uns días a Copa Galicia ante o Extrugasa, o outro ascendido en maio pasado.