noemarianoCelta Indepo, Extrugasa Vilagarcía, Durán Maquinaria Ensino e Pío XII son os catro equipos clasificados para a fase final da Copa Galicia 2010, que se disputará a vindeira fin de semana en Ferrol. O conxunto vigués que dirixe Miguel Méndez logrou o seu pase hai unha semana, mentres que o Pío XII santiagués obtivo o billete o venres en Pontevedra a costa do Arxil e logo de prórroga (80-84).

Extrugasa e Ensino tamén se meteron vencendo a domicilio a Universitario de Ferrol (56-90) e Pabellón de Ourense (62-86), respectivamente. O fracaso desta fase clasificatoria de dous grupos de catro equipos foi do conxunto ferrolán, que queda fóra da fase final que organiza a cidade departamental.

As semifinais do sábado, segundo a orde de calendario sorteado, enfrontarán ao Celta Indepo, primeiro do grupo A, co Pío XII de Santiago, segundo do B, para a continuación madirse o Durán Maquinaria Ensino, segundo do A, contra o Extrugasa arousán, que acabou líder do B.

Á fin de semana decisiva chegan Celta e Extrugasa, os dous equipos de Liga Feminina, sen perder un só dos tres partidos copeiros disputados. A croata Iva Sliskovic (17 puntos de media) foi a máis produtiva en ataque nesta fase, seguida por Noemí Jordana (12) e a lituana Egle Stakneviciene (11,6).

O Celta impúxose sucesivamente a Ensino en Lugo (58-73), Pabellón en Ourense (50-69) e Codigalco Carmelitas en Nogueira de Ramuín (56-86). O encontro semifinal contra o Pío XII será a reedición da final de Vigo 2009.