Cabecera Vide

Eva Novoa, outra céltica coas seleccións españolas de baloncesto, xoga o torneo BAM en Eslovenia

novoa3Eva Novoa é a última xogadora céltica en incorporarse este verán ás seleccións españolas de baloncesto despois de Rebeca Navarro (sub 15), Torneo da Amizade, Leyre Carrascosa (sub 17, Campionato do Mundo), Marina Delgado (sub 18, Campionato de Europa) e Blanca Marcos (senior, Campionato do Mundo).

O pasado día 13 comezou a traballar dentro dunha preselección de quince xogadoras sub 14 no pavillón de Alameda de Osuna (Madrid) e este pasado luns o cadro técnico que dirixe Leocadio Pérez mantívoa no equipo de doce que se desprazou a Slovenj Gradec (Eslovenia) para disputar o tradicional torneo BAM de promesas. Betania Simón, Elena Capella e Marta García foron os descartes.

Este xoves, España venceu 61-23 a Estonia, con debut sen puntos da celeste. Este venres, España xogará ante Israel (15:30) e Eslovenia (19:30), o sábado contra Hungría (17:30) e o domingo fronte a Croacia (13:30). Novoa, nacida no ano 1997, mide 1,76 e pertence ao Celta Maristas Caixanova cadete.