Kooij pensouse hai un ano xogar en España e o Celta Indepo é o destino da internacional holandesa

Imprimir
kooij2010O Celta confirmou a incorporación de Leonie Kooij (Den Helder, 1986) e coa internacional holandesa pecha o seu equipo para a Liga Feminina 2010/2011.

A aleiro holandesa Leonie Kooij , de 1,88 metros, relevará a saída de María Pina e completará o equipo do Celta Indepo, como anunciou o 28 de xullo o portal de internet www.ibasketball.nl, web adicada ao deporte da canastra nos Países Baixos e Bélxica.
"Ofrecéronnola hai dous anos", lembra Miguel Méndez, adestrador céltico. Pero naquel momento estaba fóra das posibilidades económicas da entidade que preside Paco Araújo. Só un envorco na vida de Kooij permitiu a súa contratación agora. E iso que algúns clubs metéronse no medio ao saber que a xogadora estaba disposta a saír do seu país por segunda vez na súa vida deportiva.

Kooij, con cuxo equipo (HLB Accountants Den Helder) quedou subcampioa de Liga e Copa esta pasada tempada, gañando catro campionatos dende 2005, mide 1,88 metros e é unha aleiro forte que na tempada 2008/2009 foi inscrita na Euroliga co Sibenik croata, aínda que se mancou, retornando ao Den Helder. Xogadora revelación de 2004 en Holanda, Kooij é a actual líder da selección "oranje" absoluta, coa que este mes de agosto disputa a fase clasificatoria para o Eurobasket de Polonia 2011.

Entre 2006 e 2008 non tivo gran fortuna. Na tempada 06/07 rompeu o ligamento cruzado anterior, perdéndose case toda a competición. Tras unha tempada máis na Dames Eredivisie, a primeira experiencia fóra da súa cidade levou á xogadora a Croacia, para o exercicio 08/09. Pero en setembro de 2008, nun partido en Bosnia, recibiu un brutal golpe que a deixou sen coñecemento durante tres minutos, pasando a noite hospitalizada en Saraxevo (ver imaxe) por unha conmoción cerebral. "Todo sucedeu tan rápido... Non me podía mover", explicou meses despois ao diario "De Volkskrant".

image003 "Pensei que se pasaría nun par de semanas", dixo, pero a dor de cabeza converteuse nunha convivencia diaria, ás veces con episodios violentos. Aínda que debutou na Euroliga co Sibenik, Kooij regresou pronto á súa cidade natal e púxose en mans dun neuropsicólogo e dun fisioterapeuta. Ao final conseguiu non perderse toda a tempada, pero aínda que no Den Helder xogou a segunda parte da competición, fíxoo con tempos en pista moi limitados. O resumo dese ano non podía ser máis autocrítico, segundo ela: "Xogo mal aínda que creo que o meu eu anterior non". E Kooij propúñase recuperar o seu pasado.

Este último campionato a situación cambiou. volveu aos seus números e ao seu rendemento. Con 17,7 puntos e 9 rebotes, situouse nas medias habituais. "Se me recupero, o vindeiro ano quero xogar en España", comentou aos medios en maio do 2009. E cumpriuno. Torres, moi interesado en que a súa representada saltase á Liga española, volveu ofrecer ao Celta a posibilidade de fichala por un prezo razoable. Un bo ano no Celta é, para o intermediario, garantía de proxección futura das súas xogadoras, como lle pasou con Evanthia Maltsi, Maja Miljkovic ou Emilija Podrug, por citar algúns exemplos de contratos millonarios tras saír do club vigués. "Vai xogar de tres", explica Miguel Méndez, que sabe que "no seu equipo e na selección absoluta a aproveitaban como catro". Kooij é, ademais, unha boa triplista.

ekaAgora Kooij, xunto coa súa irmá Laura, está a competir no Preeuropeo. Holanda, dirixida por Meindert Van Veen, concentrou a quince xogadoras e tocoulle un grupo, o A, moi complicado, con Lituania (coa que será a súa compañeira no Celta Egle Stakneviciene), Croacia (Iva Sliskovic), Bélxica e Italia. A dobre volta, clasifícanse as dúas primeiras seleccións.

Co seu país, Kooij promediaba 17,2 puntos, 7,6 rebotes e 2,5 asistencias. Leva xa dous encontros este mes, en Kaunas fronte a Egle (derrota por 98-52) e en Almere diante de Iva (triunfo por 78-72), e firmou 6 puntos e 7 rebotes no primeiro e 22 e 13 no segundo. Hoxe mércores xoga en Kortrijk (Bélxica).

Con Leonie Kooij, o Celta Indepo pecha o seu equipo con cinco estranxeiras (Michulkova, Stakneviciene, Sliskovic, Svitlica e Kooij), tres fichaxes (ela, Déborah Rodríguez e Michulkova) e tres baixas (Pilar Valero, María Pina e Olga Maznichenko). Leonie é a segunda holandesa que chega a Vigo tras a pivote Susan Mulders (96/97).

Méndez considera que ten un equipo similar ao do ano pasado, e unicamente está expectante polas novas regras, como o tamaño das zonas ou a distancia das triplas (6,75 metros).