Cabecera Vide

Michulkova, internacional eslovaca, primeira fichaxe do verán para o Celta Indepo

luisamichulkovaA directiva do Celta Indepo segue traballando para configurar o equipo da vindeira campaña, ás xa anunciadas renovacións da maior parte do equipo do ano pasado temos que engadir a fichaxe dunha nova xogadora, a checa Luisa Michulkova, procedente do Good Angel Kosice.

Nacida o 26.07.1984 en Zilina (Eslovaquia) e de 1,79 metros de estatura, será a nova incorporación do equipo dirixido por Miguel Méndez. A nova xogadora celeste debutou como internacional absoluta con Eslovaquia en setembro do 2007. Este ano, na Euroliga, que xoga dende 2001 (salvo na campaña 2008/2009), fixo unha media de 13,9 minutos e 3,8 puntos. Mancouse o xeonllo no terceiro partido da serie final eslovaca de 2008 e pasou en branco a tempada 08/09; recuperada, gañou este ano a Liga co Kosice, coma sempre.

Promesa do baloncesto eslovaco (na selección sub 20, no 2004, aportaba 12,9 puntos e 4 rebotes por encontro), Michulkova é a segunda xogadora eslovaca no Celta despois da pivote Erika Dobrovicova na Liga 99/00, e a terceira en Vigo (a parella Dobrovicova/Renata Hirakova estivo no C.B. Vigo nas campañas 92/93 e 93/94). En 2008, o Faenza italiano fichouna, pero a lesión, en maio, fixo que o club transalpino, ex equipo de Egle Stakneviciene, quedárase cunha opción para contratala no 2009, pero non a efectivizou.

A fichaxe desta aleiro tiradora (e triplista) é o primeiro pero non o derradeiro. Aínda chegarán nos vindeiros días ou semanas unha pivote xove e unha xogadora para a posición de María Pina, é dicir, unha "tres". Luisa parece pechar as contratacións estranxeiras, tralas renovacións de Sliskovic e Stakneviciene.

Carreira (146.12 kB)

Estatísticas (183.89 kB)

Na Euroliga 2009/2010 (121.67 kB)

Os máximos da súa traxectoria (191.75 kB)