Concello de Vigo    

Cabeceira Vide

Fotosizer 1A tradición manda e no partido do Iberconsa Amfiv, único club do programa Siareiros en máxima categoría da súa modalidade, a Fundación VIDE sorteou este sábado a viaxe para dúas persoas patrocinada por Viaxes Zonda. E por certo xa sen máscaras como si ocorreu no anterior sorteo, cando nos primeiros meses de 2022 a pandemia aínda marcaba os eventos deportivos e a vida en xeral.

Manel Fernández, concelleiro de Deportes e vicepresidente de VIDE, celebrou o sorteo acompañado por Alice Martínez, directora da axencia de Viaxes patrocinadora desta acción, e do presidente do CD Amfiv, José Antonio Beiro.

Cos fillos de Alice como man inocente, da caixa que contiña tódolos boletos saíu gañador o número 8.851, mercado ao Balona Linense FS. Reservas, por esta orde, foron o 32.302 (mercado ao Club Ciclista Vigués) e o 41.347 (Balonmán Lavadores).

Esta acción supuxo para os clubs que venderon as rifas preto de 50.000 euros extras de ingresos extras. A Fundación VIDE e Viaxes Zonda lograron con este sorteo a participación dun total de 36 entidades deportivas da cidade.

A viaxe é un premio dunha fin de semana para dúas persoas que Viaxes Zonda organizará dentro do seu “Club Finde” entre Portugal (Lisboa ou Oporto), Andalucía, País Vasco e Salamanca en hotel de 3 ou 4 estrelas.
O importante grupo de empresas que apoia a VIDE permite axudar aos clubs de Vigo con iniciativas como esta, ademais doutras axudas directas por gastos de adestramentos. Son un complemento ás propias subvencións municipais por tempada.

Dende que Zonda patrocina este programa de VIDE, os clubs acadaron preto de 300.000 euros coa venda de boletos (unha doación de 1 euro por número).