Concello de Vigo    

Cabeceira Vide

Vigo Tenis MesaGran xornada de tenis de mesa este domingo no novo pavillón de Quirós, patrocinada pola Fundación Vigo en Deporte (VIDE) e organizada polo Illas Cíes Tenis de Mesa, coa participación do colexio Maristas El Pilar e do IES República Oriental do Uruguai, ademais do Club Tenis Mesa Vigo.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, que estivo acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández -ademais vicepresidente de VIDE-, subliñou que esta nova actividade chegou "para quedarse" e "repetirase" no 2023. Aínda que tódalas partidas foron competitivas, se entregaron premios e medallas de participación ao medio cento de xogadoras e xogadores, co obxectivo de promover o tenis de mesa.

Oito mesas dispostas toda a mañá no polideportivo Valentín Bernárdez recibiron as partidas, a vinte e un puntos, rematando a xornada coa entrega de trofeos e medallas e a intervención do rexedor, que felicitou aos e ás participantes por practicar deporte.

A xornada de tenis de mesa puxo punto final a un segundo semestre de 2022 con moita actividade para a Fundación VIDE cos deportes de raqueta. No campus polideportivo, o terceiro campamento ofreceu para as 100 nenas e nenos inscritos, no complexo deportivo municipal de Samil, tenis e pádel, mentres que no primeiro e segundo campus, nas Travesas, houbo bádminton para un total de 200 participantes.

Despois, e de novo seguindo o mandato de Manel Fernández, VIDE apoiou a nivel de Comunicación o Vigo Women Tennis Tour de tenis feminino e tamén o Campionato de Vigo de tenis, sempre en Samil. E hai uns días, VIDE patrocinou a xornada de portas abertas de pickleball no Frontón do complexo das Travesas.

Por iso o vicepresidente, en nome do alcalde e no seu propio, felicita á Escola de Tenis de Samil, Club Bádminton Cíes, Pádel Femenino Cíes, Asociación Galega de Pickleball e Illas Cíes Tenis Mesa polo seu excelente traballo organizativo.