O pulo público-privado vigués que suman o Concello e un grupo de empresas que apoian ao deporte local dende a Fundación Vigo en Deporte (VIDE), acadou que vinte e oito deportistas, nacidos entre os anos 2002 e 2010, poidan recibir unha bolsa polos resultados da tempada 2020/21.
Coa entrega de cheques -xigantes, a modo simbólico-, no Pavillón Central das Travesas -por cuestións de prudencia sanitaria en tempos de Covid-, ata catorce modalidades deportivas se beneficiaron, con axudas dun mínimo de 400 euros e un máximo de 1.000 € en función das puntuacións obtidas en competicións internacionais e nacionais durante a campaña da denominada "Nova normalidade".
A vela, con sete deportistas subvencionados, resultou a gran triunfadora da convocatoria (cinco do Real Club Náutico de Vigo e dous do Marítimo de Canido), seguida do squash (5), pero as axudas tamén se lembraron de esgrima (2), ximnasia (2), natación (2), taekwondo (2), atletismo (1), bádminton (1), natación artística (1), orientación (1), remo (1), surf (1), tenis de mesa (1) e tríatlon (1). No global, o currículo dos deportistas do Náutico tamén foi o mellor, pois aos seus cinco regatistas uniu unha representante da natación artística.
Manel Fernández, vicepresidente de VIDE e concelleiro de Deportes, recordou que este foi o ano de máis axudas municipais directas ao deporte individual. A semana pasada trinta e dous deportistas de elite, igualmente de modalidades individuais, recibían unha subvención por un total de 43.500 euros. A esa cantidade hai que engadir os 20.000 euros investidos agora por VIDE para deportistas sub-23. Dende 2016 o Concello destina anualmente 50.000 euros para disciplinas individuais, pero en edicións anteriores os solicitantes non superaban os 30.000 euros. Nesta oportunidade si.
O alcalde, que seguiu pedindo prudencia ante a pandemia, felicitouse por este sistema de mutua cooperación do tecido empresarial e do público para apoiar ao deporte de base porque "Vigo é, sobre todo, unha cidade de economía" na que "vós poñedes a calidade e a excelencia", dixo referíndose aos novos valores. Dende 2014 as bolsas non premiaban a tantos mozos, igualando aquel récord.
Caballero lembrou a familiares (numerosos) e deportistas que "teño o compromiso de dedicar cada vez máis recursos a apoiarvos e ao deporte en xeral; as axudas multiplicáronse dende que son alcalde", dixo, e seguirao facendo, continuou, "cando pase a pandemia".
Juan Ferrón (natación para discapacitados visuais), que milita no Natación Mos, foi o vigués coa meirande puntuación dos elixidos, polo seu quinto posto no Campionato de Europa en Funchal (100 metros bolboreta). A idade dos bolseiros oscila entre os 10 anos de Luis Wizner (vela) e os 19 de Mateo Rodríguez Bello (squash).
As bolsas VIDE, agora programa VIDE en Futuro, modificaron a súa normativa este ano para dar entrada a máis deportistas, abríndoas aos empadroados en Vigo pero que, por diversas circunstancias, compiten en clubs de fóra do municipio.
O concelleiro de Deportes, que actuou como presentador, agradeceu a presenza dunha representación das empresas (asistiron Naviera Mar de Ons, Frutas Nieves, CdeC e Altia, aínda que son máis as que están detrás desta acción). Este ano, as axudas chegan a dezaoito homes e dez mulleres. Dende que en 2014 Manel Fernández puxo en marcha esta acción co visto bo do alcalde, VIDE repartiu xa 160.000 euros a 111 deportistas.