Caballero di que a “épica” vai definir o Trail Montes de Vigo, en outubro dende Fragoselo e con “dureza extrema”

Imprimir

Trail 2023Abel Caballero, alcalde de Vigo, anunciou hoxe o regreso do Trail Montes de Vigo, o vindeiro 22 de outubro, despois de catro anos de ausencia da proba pola pandemia. As parroquias viguesas de Coruxo, Saiáns e Oia, ademais da de Chandebrito, en Nigrán, serán o escenario da competición, que o rexedor definiu como “épica” pola dificultade dunha carreira cun trail longo (24 quilómetros) e outro curto (15 km.), con desniveis de 1.500 metros. “É unha proba de dureza extrema”, resumiu Caballero, que dixo tamén que o evento ofrece “un discurso medioambiental e de atletismo”, baixo a organización da Mancomunidade de Montes de Vigo, que preside Uxío González, e co patrocinio do Concello.


“A pandemia rachou coa vida normal de tanta xente, pero estamos en momento da recuperación”, apuntou Caballero. González, pola súa banda, explicou que o obxectivo da Mancomunidade e “relanzalo para poder facer un trail perfecto” como unha acción máis para “potenciar a infraestrutura verde” de Vigo. A Mancomunidade contará desta volta con Aroa Sío como madriña da proba. Sío e Arancha Pérez de Lis fundaron a asociación Asaltamontes Female, para captar a tódalas mulleres que fan carreiras de montaña, e que en Vigo xa son 200, un 20% das adscritas de toda España.

Sío, que coñece a zona porque adestra nela -está entre as participantes-, espera que nesta edición do trail “haxa máis mulleres que homes” polo interese amosado polas súas asociadas. A saída e meta estará localizada ante o local da Comunidade de Montes de Coruxo, na Subida de San Sebastián, en Fragoselo. Ata o día 30 de setembro a organización establece un prezo de inscrición, que será superior en outubro. A inscrición está aberta no portal de Magma Sports.

https://magmasports.es/es/evento/vii-trail-montes-de-vigo