Do mesmo xeito que o Concello de Vigo, a Fundación Vigo en Deporte continuará en 2021 co seu apoio ao deporte local. Así o anunciou o alcalde da cidade, Abel Caballero, no Pavillón Central das Travesas, nun acto con aforo limitado, distancia interpersoal e rodeado de elementos específicos de varios deportes (balóns de baloncesto, fútbol ou fútbol sala, mazas, unha bicicleta, patíns...) que representaban a boa parte das modalidades deportivas que promociona VIDE.
E ese respaldo demostrouno acompañado do edil de Deportes, Manel Fernández, e dunha representación dos patrocinadores privados (Altia, Campos&Rial, CdeC Grupo, Frutas Nieves, Grupo Recalvi e Naviera Mar de Ons) que invisten no deporte de formación a través de VIDE.
Non son só eles, pois no panel de patrocinadores figuran Faro de Vigo, Adegas Val Miñor, Coca-Cola, Gadis, Hyundai Hyupersa Vigo, New Balance, Viaxes Zonda e Vitrasa. Todos eles renovaron o seu compromiso e as firmas presentes recolleron un simbólico carnet de gran tamaño.
O programa contará como na tempada pasada con 45 entidades deportivas de vinte e unha modalidades (bádminton, baloncesto, baloncesto adaptado, balonmán, béisbol, ciclismo, fútbol, fútbol sala, ximnasia acrobática, ximnasia rítmica, hóckey herba, hóckey a patíns, loita, natación, natación artística, patinaxe artística, patinaxe en liña, rugby, squash, tenis de mesa e voleibol). Presidentes como Carlos Álvarez (CD Bosco), Jorge Méndez (Flic Flac), Guillermo Touza (CV Vigo), Camilo Pais (FPRV El Olivo Patinaxe) ou Antonio Vázquez (Natación Vigo Rías Baixas), entre outros, acudiron á cita.
No curso 19/20, VIDE entregou aos clubs 20.000 euros para cubrir adestramentos en instalacións deportivas municipais e ademais recaudou, coa colaboración das entidades deportivas, 46.000 euros para elas co sorteo dunha viaxe grazas á colaboración de Viaxes Zonda.
O concelleiro de Deportes e vicepresidente de VIDE, Manel Fernández, que presentou o evento, foi tallante: "Arrincamos unha tempada máis, coas complicacións coñecidas por todos, pero convencidos de que imos derrotar ao virus; por iso saímos ao terreo de xogo un ano máis".
O alcalde aproveitou o acto para insistir ante os dirixentes, adestradores ou xogadores e xogadoras que representaban a cada club (dúas persoas por entidade como máximo para o control de asistencia), que segue sendo clave o uso da máscara, a desinfección de mans e a distancia interpersoal. "Coñecédesme e sabedes que levo mal o de non poder saudarvos", apuntaba aos patrocinadores á súa chegada ao Central.
Caballero aportou unha dose de realismo ("o virus vainos a acompañar toda a tempada", dixo) polo que será inevitable seguir convivindo con el, á vez que incidiu no apoio da administración municipal ao deporte. "Debo recoñecer que o deporte de base me encanta", confesou aos presentes. De feito, o pasado día 1 comezou o programa municipal de escolas deportivas, con máis de 2.200 nenos e nenas inscritos.
O evento do Central susbstituíu á concentración multitudinaria na rúa Príncipe dos dous últimos anos polas medidas contra o Covid-19, e aínda que non puideron estar tódolos patrocinadores, estes amosaron o seu apoio. A totalidade das empresas que se comprometeron co concelleiro de Deportes na pasada campaña seguirán nesta.
VIDE traballa xa nas actividades que porá en xogo no derradeiro trimestre do ano e que estarán dirixidas á base. O programa Siareiros pretende sumar o meirande número de socios e socias aos clubs, pois a cifra reflicte directamente na contía da axuda final a cada entidade.
Podedes ver as imaxes do acto no seguinte enlace: