Hyupersa Vigo mantense como patrocinador da Vigo Cup e doa unha motocicleta para sortear entre os clubs

Imprimir

IMG 0315A Vigo Cup contará de novo con Hyupersa Vigo, concesionario oficial de Hyundai, entre os apoios privados dun evento que organiza a Fundación Vigo en Deporte por encargo do Concello.

O concelleiro de Deportes en funcións, Manel Fernández, pechou o acordo este xoves, polo que a firma surcoreana de automoción aporta ao evento un ciclomotor, un scooter KSR Classic 125, que será sorteado nas vindeiras datas. Para iso VIDE repartiu 20.000 boletos (entrégase cada un a cambio da donación de 1 euro) entre os clubs, que así poderán reducir sensiblemente o custo de inscrición no torneo.

A Vigo Cup comezará o vindeiro luns 24 e ata o domingo 30 disputará a modalidade de fútbol sala; do 1 ao 7 de xullo, momento do torneo internacional de fútbol base (fútbol 7 e fútbol 11).

Por segundo ano consecutivo, o xerente de Hyupersa Vigo, Juan José Paz, pon a disposición de VIDE un ciclomotor. A empresa que representa á marca surcoreana en Vigo leva tres anos envorcándose co deporte local, ben a través do circuíto Run Run Vigo de carreiras populares (Hyundai é o coche 0 das probas atléticas), ben coa Vigo Cup, o Trofeo Concello de Vigo de fútbol base de decembro ou a San Silvestre solidaria, no mesmo mes.

"Como patrocinador estou moi contento e agradecido co trato que recibimos nestes eventos", explica Paz, que se converteu nun socio do Concello para o deporte de formación e o atletismo popularO acordo plasmouse contando coa presenza dun dos equipos que participarán na Vigo Cup 2019, o Balaídos CF, no concesionario de Hyundai en San Andrés de Comesaña.