Cabecera Vide

O Concello dá luz verde a repetir a experiencia de tres campus polideportivos baixo o paraugas de VIDE

IMG 9907AOs campamentos polideportivos da Fundación VIDE, entidade que preside o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, volven con forza este verán dende o 25 de xuño ao 13 de xullo. A inscrición ábrese o vindeiro día 7 de maio.
 
Despois do éxito da novidade dos campus de Samil e da ETEA o verán pasado, o edil decidiu darlles continuidade, polo que nesta edición haberá de novo tres campus (As Travesas, ETEA e Samil) para nenas e nenos, grazas tamén ao traballo de catorce clubs e unha federación.
 
Os campus están dirixidos a nenas e nenos de 6 a 14 anos. O campus polideportivo das Travesas, que acada a súa maioría de idade (naceu no ano 2000), terá o custo habitual de 70 euros (o alumnado ten o xantar no pavillón), mentras que os outros dous manexarán un prezo sensiblemente inferior (45 euros). 
 
O primeiro deles será o do complexo das Travesas e ten fixadas as datas: do 25 ao 29 de xuño, co horario dos últimos anos (9:00 a 18:00 horas). Os participantes gozarán de once deportes (baloncesto, balonmán, fútbol sala, hóckey a patíns, béisbol, ciclismo, voleibol, natación, rugby, bádminton e deporte adaptado) e nesta oportunidade a excursión vaise realizar a Cangas. Haberá 200 prazas.
 
Despois chegarán as segundas edicións dos campamentos da ETEA (2-6 de xullo) e Samil (9-13 de xullo), con ximnasia acrobática, rugby e bádminton nas instalacións da antigua base naval e tenis, pádel e tenis de mesa no complexo de Samil. 100 prazas para cada un. 
 
Este proxecto de VIDE e da Concellería de Deportes ten o apoio do Club Deportivo Bosco, Academia Octavio, Mosteiro Bembrive FS, Vigo Rugby Club, Club Ciclista Vigués, Halcones de Vigo, Xuvenil de Teis, Vigo Voleibol, Bádminton Rachaplumas, Flic Flac, Tenis Mesa Vigo, Pádel Cíes, Club Deportivo Amfiv e Federación Galega de Tenis.