Cabecera Vide

Areosa, con tres, e Val Miñor, con dous, repartíronse os títulos do Torneo Concello de Vigo de fútbol e fútbol 8 no Municipal Pahiño de Navia

NAdal2017 web 184O Areosa pechou a quinta edición do Torneo Concello de Vigo de Nadal ao grande, con tres dos cinco títulos en xogo, tras un extraordinario sábado no que o Val Miñor levantou os trofeos de campión nas categorías prebenxamín e benxamín (fútbol 8) a costa de Coruxo e Celta, respectivamente. Os areosistas gañaron o venres o campionato alevín local (fútbol 8) e este sábado a categoría infantil (fútbol) ademais do Súper 6 internacional alevín de fútbol 8.
 
No Municipal Pahiño de Navia, con cheo nas bancadas, magnífico ambiente e menos goles no marcador que os cantados pola afección, que berraba "gol" antes de que entrase o coiro por paixón (e por erro, porque os seus desexos non se cumprían grazas ás intervencións dos porteiros ou aos paus), o Val Miñor alcanzou un "dobrete" en dúas categorías que nunca viran ao tempo a un mesmo club como campión.
 
A xornada abríase coa final infantil (fútbol). No Pahiño, o Areosa impoñíase por 3-0 con solvencia e remataba esta Vigo Cup de Nadal cunha traxectoria impoluta en cinco partidos: ningún tanto encaixado e todos os seus encontros acabados en triunfo. O club con base en San Andrés de Comesaña empezaba o día como concluía o venres: gañando.
 
Logo, o Súper 6 alevín (fútbol 8) cobraba protagonismo. O Areosa, clasificado como campión do torneo alevín local, daba un recital. Os de Edgar derrotaban ao Oporto por 3-0 (1-0 ao descanso) e metíanse en semifinais como primeiros de grupo ao apear ao Deportivo por 4-0 (1-0). No cruzamento esperáballe o Pabellón de Ourense, defensor do trofeo, ao que tamén tombaron por 2-1 (1-0) con tantos de Gabri e Eric. O primeiro gol tardou e o segundo foi un luxo de execución táctica: un saque de córner raso, un xogador que a deixa pasar e Eric, chegando dende atrás, marcaba con disparo seco e colocado fóra do área. O tanto ourensano, cun bote que superaba a estirada do meta, levou a emoción ata os derradeiros instantes. Pero o conxunto vigués metíase na final. 
 
A ela tamén chegaba o Celta, perdedor na de 2016. Táboas contra o Pabellón de Ourense (1-1) tras ir perdendo ao descanso, pase como primeiro ao golear ao Lugo (4-1) e nova goleada en 'semis' ante o Oporto, ao que concluído o primeiro periodo só superaba 1-0.
 
A final decidíase cun tanto de Gabri antes de concluír o primeiro minuto de partido e na primeira acción do choque. Despois, ocasións repartidas, dominio alterno e un balón ao travesaño en falta directa botada polo Areosa na segunda metade que puido dar antes a puntilla aos de Iván Piñeiro. Así, o Areosa gañaba por 1-0 e relevaba ao Pabellón como vencedor do Súper 6.
 
Nas finais das categorías prebenxamín (Val Miñor-Coruxo) e benxamín (Val Miñor-Celta), emoción naquela e contundencia nesta. O Val Miñor fixo 'dobrete'. Na final dos máis cativos do torneo empezou marcando o Coruxo, pero os de Nigrán remontáronlle nun par de minutos tolos para gañar o cuarto. Despois, todos os cuartos concluíron en táboas (1-1, 0-0, 1-1) co que o Val Miñor proclamábase campión por 5 puntos a 3. Iso si, o sufrimento durou ata o final porque o Coruxo puido marcar (e gañar así o cuarto, provocando os penaltis) na última xogada.
 
A final benxamín, en cambio, careceu de cor. Os nigraneses celebraron o título co pitido final do terceiro cuarto, porque acumulaban xa 6 inalcanzables puntos para o Celta, que cedeu eses tres tempos. O derradeiro xa sería testimonial. O Celta, que se meteu en dúas finais, foise sen títulos. Pero non era a primeira vez. Ocorreulle en 2014, cando o Coruxo lle arrebato os trofeos alevín e infantil.
 
Despois, o polideportivo de Navia recibiu a todos os participantes para a cerimonia de clausura presidida polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández. O rexedor felicitou aos participantes máis aló dos resultados e garantiu a continuidade do torneo que patrocina o Concello e que organiza Afavi, a Asociación de Fútbol Afeccionado de Vigo, co apoio da Fundación VIDE, New Balance, Hyupersa Vigo (Hyundai), Frutas Nieves e Coca-Cola.