Pilotes Posada baixa de forma matemática á División de Honra B ao empatar o Toledo

Imprimir

pilotes04Ás 22:05 horas do mércores o Pilotes Posada certificou o seu descenso de categoría. O Lábaro Toledo empatou (32-32) diante do Cuenca 2016 e acadou os 18 puntos, os suficentes para manter a categoría a dúas xornadas para o remate da Liga Asobal. Ao perder en Eibar onte martes (27-26), o conxunto vigués necesitaba unha derrota do conxunto toledano, que na primeira metade chegou a ir 18-20 abaixo. No que vai de século, o Pilotes de Quique Domínguez perdeu a máxima categoria xa en tres ocasións, a anterior o 15 de maio do 2004.

O Arrate parece a súa besta negra: naquela tempada, o equipo de Quique Domínguez necesitaba gañar ao rival vasco. Un ex "rojillo", Dalibor Cutura, e un ex Frigoríficos Morrazo, Kobine, non perdoaban e un empate nas Travesas (27-27). Agora, de novo Cutura, do Pilotes na Liga 2001/2002 pero que xa leva sete anos no Arrate, puido cos galegos. Despois de tres anos seguidos na elite, a súa mellor marca neste século, o Octavio, club que preside Javier Rodríguez, volve á categoría de prata seguramente máis galega. Na imaxe que apoia esta nova, un intre do partido de hai seis anos nas Travesas entre o Pilotes e o Arrate, na penúltima xornada do campionato. Daquela, o Pilotes conseguiu 12 puntos en treinta xornadas; agora ten 13 en 28 partidos. 

 

Traxectoria do Pilotes no século XXI

00/01. Liga Asobal.                     05/06. División de Honra B.

01/02. Liga Asobal.                     06/07. División de Honra B.

02/03. División de Honra B.        07/08. Liga Asobal.

03/04. Liga Asobal.                     08/09. Liga Asobal.

04/05. División de Honra B.        09/10. Liga Asobal.