Cabecera Vide

O Pilotes Posada defronta a fase final da Copa Galicia e volta este luns aos adestramentos

374pilotesO Pilotes Posada, de vacacións ata hoxe domingo tras pechar o ano como colíder da División de Honra Prata, buscará o seu segundo título da tempada os días 8 e 9 de xaneiro en Moaña (semifinais) e Chapela (consolación e final). Mañá luns volta aos adestramentos.

Tras adxudicarse a Copa Deputación en setembro en Lalín (32-29 fronte ao Frigoríficos Morrazo), agora os de Quique Domínguez pelexarán polo torneo autonómico, que gañou na súa primeira edición (2007) pero que nunca máis puido alzar.

O campionato galego ten o seu morbo e o mesmo modelo que a III Copa Deputación, é dicir, semifinais nunha localidade e final en outra. O guión é o mesmo. Bueu, que acolleu a final de 2008, recibirá os dous emparellamentos de semifinais, que serán exactamente iguais que cando se dirimía o torneo provincial. Pilotes volverá enfrontarse co Construciones Paraxe Chapela, único conxunto dos catro clasificados que tivo que disputar dúas previas antes de chegar ao momento decisivo. E os xogadores que adestra Fran Teixeira, de 1ª Estatal, chegaron á conta de dous equipos vigueses que tamén o son da categoría de bronce, Las Cinco Jotas Lavadores e Magope Seis do Nadal. Será a segunda semifinal e xogarase ás 19:30 horas.

A outra semifinal, a primeira da xornada (17:30 horas) enfrontará a Frigoríficos Morrazo e Teucro, co aliciente de que os dous, como os vigueses, áchanse en zona de play-off de ascenso a Liga Asobal. O domingo 9 a Copa Galicia trasladarase ao pavillón de Chapela para dirimir o terceiro e cuarto posto e a final.

Ata agora, todas as finais tiveron os mesmos rivais, académicos e teucristas, e nunca se repetiu sede do choque decisivo. En 2007 gañou o Pilotes en Ribadavia (34-33), en 2008 o Teucro saíu vencedor en Bueu (29-24) e en 2009 A Guarda presenciou unha nova vitoria pontevedresa diante dos "rojillos" (26-25) que desfacía o empate a títulos. O Octavio ten outro reto: gañar o campionato nunha pista da provincia. A consolación está prevista para as 10:30 horas do domingo 9 e a final, ás 12:30.

Nun momento de auxe do balonmán (con éxito económico e de público rematou hai uns días a Copa Asobal nas Travesas, que en abril será sede da Copa do Rei), a Copa Galicia abre o ano 2011 e será o primeiro gran evento con José Luis Pérez Ouro xa reelixido presidente da Federación Galega de Balonmán por outros catro anos.