Cabecera Vide

Xabier Alonso di que o Cidade de Vigo de balonmán entre Pilotes e Barça "será un gran espectáculo"

videpilotesO Trofeo Cidade de Vigo enfrontará este venres (20:15 horas, As Travesas) ao Pilotes Posada vigués co FC Barcelona, actual campión da Copa do Rei e da Copa Asobal.

A décimo oitava edición deste torneo internacional de verán, que conta co apoio da Concellería de Deportes, suporá a presenza do considerado mellor equipo do mundo, por historia, que este ano se reforzou para gañalo todo. A Concellería apoia o evento e fixo fronte a todo o pedido polo Pilotes Posada.

Xabier Alonso, concelleiro de Deportes, presentou na Fundación VIDE o evento, a partido único, asegurando que “imos dar á afección un gran espectáculo deportivo”. O edil nacionalista lembrou que “non podiamos deixar pasar esta oportunidade, pero é que ademais o encontro ten o aliciente de ver as novas fichaxes do Pilotes”.

O presidente do club, Javier Rodríguez, afirmou que este partido pode axudar a paliar “que durante a Liga pasada xogamos contra o Barcelona en metade de semana e coincidindo coa Champions League de fútbol, polo que tivemos unha recadación moi mala”. O Barça chega con tres reforzos (Entrerríos, Sjostrand e Sorhaindo), dúas vitorias en Polonia diante dun rival da Copa de Europa (a Champions) e un conxunto formidable. De Vigo (estará no Hotel Los Galeones) o Barça sairá na mesma noite do venres para Póvoa de Varzim (Portugal), onde xogará o Torneio Ibérico diante de Sporting de Lisboa e FC Porto.

Rodríguez agradeceu que o Barça non pida o canon que esixe para os partidos amigables que celebra e aplaudiu a actitude comprensiva do adestrador blaugrana, Xavier Pascual, Pasqui, ex porteiro do Pilotes hai anos. Tamén fixo fincapé en que o concelleiro “brindouse a cubrir unha serie de gastos” para que o torneo sexa Cidade de Vigo.

Xabier Alonso fixo votos para que esta sexa unha “tempada de transición” do equipo na categoría de prata, mentres que Javier Rodríguez manifestou que o afeccionado ao Pilotes “está respondendo e xa temos 700 socios, máis que o ano pasado por estas datas, porque o seguidor é fiel ao club”. Estes días o Pilotes está inmerso na renovación de abonados. O concelleiro lembrou que coa renovación do carné Siareiro Elite, que mantén os mesmos precios dende hai tres anos, o socio poderá ir de balde ao Cidade de vigo. Obviamente, non vale o carné da tempada 09/10, que ademais é doutra cor para evitar picarescas.

O prezo das entradas será de 10 euros (adulto) e 5 euros (xuvenil). Os Siareios Elite que renoven o seu carné para a tempada 2010/2011 ou os que o fagan estes días pasarán gratis, como quen se faga socio por vez primeira.

Tanto directivo como concelleiro lembraron que este ano o Barcelona só virá a Vigo en pretempada e en abril na Copa do Rei.