Cabecera Vide

Completo programa de actos pola Supercopa de fútbol sala

48 horas de fútbol sala sen interrupción. Iso suporá a celebración da Supercopa de España, que terá hoxe e mañá en Vigo, segundo informa a Liga Nacional de Fútbol Sala na súa páxina web oficial en internet (www.lnfs.es). Durante esas dúas xornadas, o mellor espectáculo non só estará presente na Pista Azul da LNFS instalada no pavillón das Travesas, senón que tamén se vivirá en todos os recunchos da cidade, mediante o desenvolvemento de distintas actividades que amenizarán as horas previas aos encontros.

Os máis cativos terán varias citas ineludibles hoxe e mañá. Unha delas son os obradoiros infantís que se desenvolverán, entre as 10:00 e as 20:00 horas, no centro comercial Travesía de Vigo, con actividades de globoflexia, maquillaxe, pintura ou debuxo, entre outras.

Ademais, disputaranse dous campionatos promocionais de fútbol sala, en categorías alevín (hoxe xoves 7) e benxamín (mañá venres), que terán lugar, de 10:00 a 14:00 horas, nunha mini pista que se instalará no centro comercial Travesía. Ambos os torneos contarán co aliciente de que a gran final celebrarase no pavillón das Travesas mañá venres, ás 19:00 (partido benxamín) e 19:30 horas (alevín).

Outro dos atractivos das actividades enmarcadas na Supercopa de España será o concurso “Marca Toques”, no que os nenos participantes deberán amosar a súa habilidade co balón nos pés. A primeira rolda terá lugar hoxe, entre as 10:00 e as 14:00 horas, no centro comercial Travesía. A segunda fase celebrarase polo serán, entre as dúas semifinais da Supercopa, no pavillón As Travesas, e as semifinais terán lugar mañá venres ás 10:00 horas, no concesionario de Mercedes-Benz de Vigo, na que 20 participantes buscarán a súa praza na gran final, á que accederán dez concursantes e que se desenvolverá no pavillón As Travesas, durante o descanso da gran final da Supercopa de España.

Así mesmo, os actos institucionais e cos patrocinadores oficiais da LNFS non faltarán durante as dúas xornadas de celebración do torneo. Os actos arrincan hoxe cunha recepción oficial no Concello de Vigo, ás 13:30 horas, á que acudirán os clubs participantes, invitados, patrocinadores e institucións colaboradoras da Supercopa. Xa pola tarde, a Liga Nacional e os responsables da marca Penalty ofrecerán, ás 17:00 horas, no pavillón das Travesas, unha rolda de prensa para subscribir o acordo de patrocinio que ligará a ambas as partes durante as vindeiras campañas.

Namentres, mañá venres, o concesionario de Mercedes-Benz de Vigo albergará, ás 11:00 horas, unha rolda de prensa de presentación do acordo de patrocinio entre a LNFS e Mercedes-Benz Vehículos Industriais. E para rematar, entre as 12:00 e as 14:00 horas, levará a cabo unha visita guiada á cidade, organizada polo Concello de Vigo, para todos os invitados da Supercopa.