VIDE pecha 2009 con máis de 300.000 euros en investimento para o deporte local

Imprimir

sub elite siareirosA Fundación Vigo en Deporte pecha o seu oitavo ano de existencia cun investimento no deporte local duns 300.000 euros, entre as doazóns aos clubs polo programa Siareiros Elite, as axudas ás entidades deportivas máis modestas para cubrir o custo das pistas de adestramento e o programa Siareiros Base ou as bolsas aos deportistas individuais polos seus méritos ao longo do ano.

No segundo ano completo de Laura Magdalena como xerente de VIDE e de Xabier Alonso como presidente, o investimento en clubs de categoría nacional elevouse en 15.000 euros (dous millóns e medio das desaparecidas pesetas), pasando de 150.000 a 165.000 euros, é dicir, incrementándose nun 10% sobre 2008. No resto de capítulos, as doazóns mantivéronse cando algunha Administración está recortando o seu investimento.

VIDE, fundada por Concello, PSA Peugeot Citroën, Pescanova e Caixanova, fundaméntase na coordinación de patrocinio público e privado, a súa base, e as súas ramificacións van dende o apoio directo ás entidades deportivas de referencia da cidade ao respaldo aos clubs de base, pasando pola organización de eventos como a Vigo Cup, o campus polideportivo ou o patrocinio da competición recreativa Vigo en Xogo.

Pero ademais, ao longo do ano VIDE deu apoio loxístico a varios eventos (a Copa André Vergauwen de baloncesto en cadeira de rodas, o Mundial de hockey a patíns no Ifevi e Pontevedra), asistiu aos Europeos sub 21 de taekwondo nas Travesas, editou un libro, o primeiro que se escribe sobre o deporte local (“Historias de sticks”, sobre a evolución de Travesas, o Vigo Stick e o Cidade de Vigo de hockey sobre patíns), participou na primeira edición do Circuíto Cidade de Vigo de carreiras populares, premiou aos seus clubs máis fieis na promoción do carné Siareiros (Celta Indepo e Baloncesto Seis do Nadal) ou chegou aos escolares vigueses a través do programa “Aprende dos que máis saben”, as visitas dos clubs aos centros de ensino.

En xaneiro regresaremos con novos obxectivos, diversos proxectos e, sobre todo, coa seguridade de que o deporte vigués terá o máximo apoio para seguir crecendo.