Cabecera Vide

Moncho Fernández e Carlos Colinas no II Foro do Club do Adestrador Galego

A Federación Galega de Baloncesto ofrece a todos os adestradores e afeccionados galegos a posibilidade de participar, o vindeiro 3 de xaneiro, no II Foro do Club do Adestrador Galego, actividade formativa que contará con Carlos Colinas e Moncho Fernández como relatores principais.

A actividade, que terá lugar en Santiago, no Pavillón do Instituto Rosalía de Castro, iniciarase ás 10.00 h da man do director deportivo do Real Club Celta Indepo e Seleccionador Nacional Feminino en categoría U18, Carlos Colinas, quen ofrecerá a primeira conferencia da xornada (10.00 h) sobre "Os pases e a diagonal: como atacar en  4 x 4".

Posteriormente, e ao remate desta charla, todos os participantes no foro trasladaranse ata o Multiusos Fontes do Sar (12.00 h) para presenciar, de balde e grazas á colaboración do Obradoiro C.A.B., o encontro no que o Xacobeo Blu: Sens recibirá ao DKV Joventut.

Finalmente e tras un xantar - coloquio e un foro de debate sobre cuestións de actualidade baloncestística dirixido polo director deportivo da FUNDACIÓN BALOGAL, Cristino Menor, terá lugar unha segunda conferencia. Moncho Fernández será o encargado de levala a cabo Baixo o título: “1x1 ofensivo e xogo sen balón nunha estrutura de 3 exteriores e 2 interiores”.

Inscrición e validacións

As posibilidades formativas do II Foro do Club do Adestrador Galego ofrecen ademais a validación, pola participación no mesmo, de 8 horas de formación continua para todos aqueles adestradores que teñan realizado os cursos da Escola Galega de Adestradores da Federación Galega de Baloncesto nos anos 2008 e 2009 (nivel 1, nivel 2 e  Superior).

A participación neste II Foro do Club do Adestrador terá un custe de 30 euros, os cales inclúen a asistencia ao encontro entre Xacobeo Blu: sens - DKV Joventut,  o xantar e o transporte entre o pavillón, o restaurante e  o Instituto  Rosalía de Castro.

Para tramitar a inscrición neste evento, o cal dispón xa das súas últimas prazas libres dun total das 45 iniciais, é preciso enviar o formulario axeitado (activo en www.fegaba.com)  e o xustificante de pago á Federación Galega de Baloncesto (Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. - FAX: 981 56 60 66).