O circuíto Cidade de Vigo definirá o vindeiro domingo os campións e campioas 2009

Imprimir

58x88cartelO Circuíto Cidade de Vigo de carreiras populares definirase este vindeiro domingo na praza de Compostela coa disputa do Gran Premio de Nadal, a tradicional Carreira do Pavo, tras unha Subida ao Castro que logrou estreitar diferenzas na cabeza de varias categorías.

Porque os 357 chanzos dende o Náutico ao castelo do Castro serviron para sorprender a varios líderes, incapaces de gañar nas súas respectivas categorías nas que, ademais, nin sequera puideron acabar entre os dous primeiros postos. Só Mónica Incera (Real Club Náutico), en categoría F35 (nadas dende 1960 a 1974), e Sergio Ramos (M60, nados antes de 1950) aguantaron o esixente percorrido. Nin Daniel Bargiela (promesa-absoluta masculina), nin Juan Manuel Méndez (Atletismo Castrelos, M40), nin José Álvarez (Atletismo Vigo, M50) conqueriron o triunfo nos seus grupos de idade, co que os seus perseguidores e aspirantes ao título lograron porlle unha guinda de emoción ao circuíto.

Ademais, a ausencia de Marta Fernández e Solange Andreia Pereira, líder e segunda clasificada da categoría promesa-absoluta feminina deu a opción a Águeda Blanco a aspirar á vitoria final. Con todo, ningún líder perdeu a súa condición de tal pese ao tirón dos aspirantes.

Na Subida ao Castro participaron cinco dos seis líderes das súas categorías e trece dos dezaoito clasificados en postos de podio, o que significa que os atletas asumiron a importancia dos puntos en xogo en cada carreira. De feito, a ausencia dalgúns participantes supúxolles practicamente dicir adeus aos premios en metálico, reservados para os tres primeiros de cada categoría, dada a igualdade na zona alta das clasificacións.

A situación das clasificacións é a seguinte:

Promesa absoluta masculina. Aspiran á vitoria Daniel Bargiela (Ourense) e Óscar Piñeiro (Ourense). Para o podio hai máis candidatos: Akka Essadaoui, inscrito no circuíto a semana pasada, Enrique Moraza e Álvaro Prieto.

M40. É a categoría máis igualada de todas as que estarán en xogo na Carreira do Pavo. Juan Manuel Méndez mantén unha mínima vantaxe sobre o olímpico Carlos Adán, Juan Alberto Costas e Antonio Sobrado, pero perdeu case toda a súa vantaxe ao quedar fose do podio e ser superado polos tres perseguidores.

M50. José Álvarez (Atletismo Vigo) deixouse recortar puntos no Castro ante o céltico Eloy Tapia e Antonio Soliño (Val Miñor).

M60. Sergio Ramos ou Antolín Rodríguez xóganse a vitoria final o 20-D.

Promesa absoluta feminina. Marta Fernández, Solange Andreia Pereira e Águeda Branco xóganlla. Matematicamente, Davinia Vaqueiro e Sara Pérez teñen posibilidades de gañar.

F35. Mónica Incera só perdeu puntos na Vigo+11, pero é a principal candidata ao triunfo. Montserrat Carreira é a única que llo pode arrebatar.

 Clasificación Circuito Cidade de Vigo. Actualizada o 16.12.09 (280.83 kB)