A cuarta Subida ao Castro pode definir o Circuíto de carreiras populares

Imprimir

solangeA cuarta Subida ao Castro converteuse en proba de enorme interese para o desenlace do circuíto de carreiras populares Cidade de Vigo. Logo de disputadas tres probas e a falta de dúas para que conclúa esta primeira edición do evento (a IV Subida e a tradicional Carreira do Pavo), o apertado das clasificacións xerais deu unha posición privilexiada á proba dos 357 chanzos, que se disputará o 12 de decembro ás 12.00 horas con saída no Náutico e chegada ao castelo do Castro.

A proba, organizada por Evencia e deseñada por Errepetrés, foi ata agora algo máis do gusto dos atletas populares que dos federados, pero o apertado da clasificación de cada categoría do circuíto podería decidir a participación de nomes propios de nivel.

Cabe lembrar que o Circuíto 2009 componse de cinco probas (as dúas que faltan máis a 10 kms. Universitaria, Carreira de San Xoán e Vigo+11) e que para optar aos fantásticos premios en metálico hai que competir en catro das mesmas... pero as cinco puntúan polo mesmo valor. A derradeira das carreiras será o digno colofón a este campionato vigués de probas pedestres, o Gran Premio de Nadal (a Carreira do Pavo), o día 20 desde as 10.30 horas na Praza de Compostela. Ao contrario que o ano pasado, cando coincidiu coa carreira popular de Óscar Pereiro, a Subida ao Castro non ten rival ese sábado, polo que é moi factible que a participación sexa superior á edición de 2008 (85 atletas en meta e mañá chuviosa e fría). En 2006, en matinal fría pero asollada, chegaron 159; en 2007 en edición fría, con piso mollada e nubes pero sen choiva, acabaron a subida de 150 metros de altitude 164 participantes.

Inscricións

Para a Subida ao Castro: ata o venres 11 no Centro Comercial Gran Vía. De balde. O mesmo día da proba, na oficina da organización no Náutico (6 euros). Para máis información, Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

Para a Carreira do Pavo: Inscrición por escrito na delegación da Federación Galega de Atletismo (rúa Luis Ksado, 17; Vigo 36209), departamento de Deportes de El Corte Inglés (2º andar), por correo electrónico (Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.) ou por fax 986 441216. O prazo de inscrición pecha o 17 de decembro ás 21 horas.