Dous anos como directora-xerente. Laura Magdalena afirma que en 2010 VIDE “abrairá co Forum FISU e os Mundiais de taekwondo”

Imprimir

gerenteLaura Magdalena acaba de cumprir este mes dous anos como directora-xerente da Fundación Vigo en Deporte. Nesta etapa, VIDE non só apoia aos clubs e deportistas, senón que se converteu nun elemento dinamizador principal ao pórse á cabeza da organización de grandes eventos.

Dous anos no cargo. Máis sorrisos que bágoas?
Sen dúbida, sorrisos. Gústame o meu traballo, gozo e aínda que non todo é un camiño de rosas sempre me gusta plantarlle cara ás situacións difíciles, motívame.

Que borraría e que resaltaría destes 24 meses?
Non borraría nada do feito senón que borraría o que non puiden facer. Doutra banda, éncheme de satisfacción os grandes retos que emprendeu a Fundación VIDE nestes dous anos, pola súa magnitude e repercusión, a candidatura para a Universiada e o Campionato do Mundo de Hóckey a Patíns.

VIDE apoia a deportistas, a clubs de elite, de base... Que pao cre que faltaría por tocar?
A pesares de que VIDE xa organiza dende os seus inicios eventos deportivos como o Torneo Internacional de Fútbol Base Vigo Cup, agora tamén nos embarcamos na organización de grandes eventos que, ademais de ser deportivos, son de cidade, o cal supón un valor engadido para a Fundación.

Crise económica, crise do sector da construcción. Foxen as empresas do deporte?
Para o sector privado só teño boas palabras, só podemos darlles as grazas por apoiar ao deporte e ata me atrevo a reivindicar que deberían ter un mellor tratamento fiscal polas súas axudas.

Que pode venderlle Vigo en Deporte ao sector privado?
A Fundación VIDE reflicte a inquietude que a nosa sociedade mostra polo deporte e o deporte non é outra cousa que un sen fin de valores positivos, saúde, deportividade, superación, autoestima, competitividade, saber gañar, perder e encaixalo. É a vida en estado puro. Que empresa non querería asociar a súa imaxe a algo así?

En tempo de crise é necesaria a imaxinación?
Por suposto. A necesidade agudiza o enxeño e é o mellor momento para sacar o mellor de cada un e non esquecelo aínda que corran tempos mellores.

Pero todo custa...
Non necesariamente. As claves son unha maior productividade e reducción de custos. Non é fácil e por iso hai que sumarlle unha maior énfase naqueles programas deportivos que resultan atractivos e proveitosos e que casualmente non resultan tan custosos. Un exemplo, o programa “Aprende dos que máis saben”, onde os equipos de elite visitan os colexios de Vigo para transmitirlles os valores do deporte e o porqué da súa elección como deportista.

VIDE ten o respecto social tras sete anos de existencia?
O respecto sempre o tivo. A Fundación VIDE é unha brillante idea que moitas cidades copian e que, particularmente en Vigo, miles de cidadáns gozan directa ou indirectamente a través dos seus programas e eventos deportivos.

Cre que o proxecto Siareiros aínda está por explotar?
Siareiros xa non é un proxecto, é unha realidade, é unha ferramenta da Fundación posta a disposición dos clubs da cidade que crea un denominador común entre os cidadáns que aman o deporte: ser “Siareiro”.

Unha proposta coa que VIDE vai abraiar en 2010.
O 2010 vén cargado de grandes retos, a organización do Forum FISU, onde máis de 250 persoas de todo o mundo reuniranse en Vigo durante unha semana para debater sobre o deporte universitario, e o Campionato do Mundo de Taekwondo Universitario, con máis de 400 participantes que farán respirar deporte en toda a cidade.