Cabecera Vide

Camelias Centro Comercial apoia a última campaña promocional de VIDE, “Mulleres no cumio”

mulleresnocumioEra a súa quenda ou, polo menos, o momento dunha representación das mulleres que están a levar o deporte de Vigo a posicións elevadas. A Fundación Vigo en Deporte apóiaas dende catro accións, dúas directas e outras dúas indirectas.

As directas, as bolsas para deportistas individuais que cada ano, e xa van sete convocatorias, supón 1.000 euros para as novas promesas empadroadas na cidade e menores de 17 anos, e 2.000 euros para as deportistas de maior idade. A outra axuda chégalles de forma colateral a través dos clubs, de base ou elite, que reciben cada tempada unha doazón de VIDE para pagar pistas de adestramento ou tamén o que os clubs estimen oportuno. A sesión fotográfica para promocionar a calidade do deporte feminino local tivo lugar no Centro Comercial Camelias grazas á excelente predisposición do seu director-xerente, Ricardo Martínez. Nos últimos anos, os siareiros que acoden ao pavillón central das Travesas para animar ao seu equipo teñen tres horas gratis de aparcadoiro no centro comercial (se van ver ao Cidade de Vigo Básquet) e dúas horas se o partido é do Pilotes Posada ou do Celta Indepo, os outros equipos do programa Siareiros Elite que xogan no coliseo vigués.

Xisela Aranda (squash), Lara Lagoa (windsurf), Vicky Alonso (baloncesto en cadeira de rodas) e Sara Gómez (baloncesto) son perfectos exemplos de todos estes programas e a elas convocámolas o pasado martes en Camelias Centro Comercial para a foto promocional que despois deu lugar a unha publicidade para dos soportes, un xornal e a web oficial de VIDE (www.vide.es). Miguel Núñez, premio Novos Valores 2008, foi o fotógrafo encargado da imaxe das xogadoras xunto coa directora-xerente de VIDE.

As catro elixidas son ou foron internacionais en diversas categorías. Aranda (Vigo, 1986), mundialista con España en Exipto 2008, é vixente campioa de España sub 23, subcampioa de España absoluta e campioa da Copa de España. O seu caso ten dobre valor: posúe bolsa elite e pertence a un club, o Vigo Squash, que participa do programa Siareiro Base. Lara Lagoa (Vigo, 1994) ten bolsa base por windsurf. Bronce no Mundial de 2007 e 2008, prata no Europeo de Cádiz 2009, Lara domina o panorama estatal e é desas deportistas con longo percorrido internacional.

Pola súa banda, Sara Gómez (Vilagarcía, 1986), do Celta Indepo da Liga Feminina de baloncesto, e Vicky Alonso (Vigo, 1982), do Aldasa Amfiv da División de Honra de baloncesto mixto en cadeira de rodas, son os dous exemplos de apoio indirecto de VIDE ás súas traxectorias. A Fundación Vigo en Deporte doa aos seus respectivos clubs unha cantidade como axuda para cubrir o orzamento da tempada. Sara, no seu primeiro ano en Vigo, chegou ao Celta cun currículo internacional importante: foi subcampioa de Europa sub 18 con España en Bratislava 2004 (onde coincidiu con outra céltica, Blanca Marcos) e caeu en semifinais do Eurobasket sub 20 de Sopron no 2006; naquel equipo tamén xogaban María Pina e Blanca Marcos, agora compañeiras da arousá nas Travesas. Vicky Alonso, mentras, é un exemplo para quen ten mobilidade reducida: máxima anotadora e reboteadora da Copa do Mundo de Manchester en 2005, prata e segunda neses apartados estatísticos da Copa do Mundo de 2007... é fixa coa selección española dende 2001 e xoga un importante rol na competición nacional, que é mixta.

Durante media hora, todas elas compartiron unha intensa sesión fotográfica en dous escenarios do centro comercial elixidos polo fotógrafo, departindo animadamente coa directora-xerente de VIDE, Laura Magdalena, tamén protagonista da imaxe promocional.

Esta campaña publicitaria de VIDE pretende facer chegar ao gran público algunhas das moitas iniciativas da fundación, que cada vez abarca máis actividades e que non esquece o rol feminino no deporte.