Cabecera Vide

A Uvigo acudirá aos Europeos universitarios de taekwondo coa mellor selección da súa historia

taekwondouvigoA Universidade de Vigo presentará o mellor equipo da súa historia na primeira edición dos Campionatos de Europa universitarios de taekwondo, que se disputará na cidade portuguesa de Braga do 10 ao 12 de decembro.

Salvador Fontán, responsable dende hai once anos da selección universitaria viguesa, convocou a 15 deportistas (8 mulleres e 7 homes) para afrontar un torneo que por vez primeira organiza a EUSA (Asociación Europea de Deporte Universitario). Cabe recordar que os Mundiais universitarios entrarán no 2010, en Vigo (As Travesas), na súa undécima edición, organizados pola Federación internacional de Deporte Universitario (FISU). A selección española sairá da decisión da Federación Española de Taekwondo tras os Campionatos de España universitarios, no vindeiro mes de maio.

Pero antes, nos Europeos universitarios, o equipo da Uvigo presentará un ramallete de campións de España e, sobre todo, de experimentados taekwondistas no apartado internacional. A viguesa Nazareth Tilve, Rebeca Mariño, nada en Boiro, ou a ribeirense Lara Ouviña (que acaba de participar nos primeiros Europeos sub 21, caendo en cuartos do peso pluma ante a italiana Margherita Zocco, logo campioa), xunto con Bruno García (prata nos Mundiais universitarios de 2008 e bronce na Universiada de 2009, en ambos os casos en Belgrado) teñen bagaxe suficiente para facer un gran papel. O mellor exemplo é David Carril, bronce nos últimos Campionatos de España universitarios, que caeu en semifinais do peso mosca contra o catalán Joel González, logo campión estatal universitario, campión do mundo absoluto e campión de Europa sub 21. Na expedición figura tamén David Vidal, tricampión español universitario (2006, 2007 e 2009); Fernando Rascado, campión de España absoluto e dúas veces campión universitario, ou Lúa Piñeiro.

Salvador Fontán, preparador da selección universitaria, cre que a Portugal se irá “cun bo equipo, pero alí vai haber xente moi boa”. Para a Universidade será a primeira oportunidade de competir cos petos electrónicos Daedo, usados nos Mundiais absolutos de Copenhague (outubro) e nos Europeos sub 21 de Vigo “con gran éxito”, opina Fontán, presente nas bancadas das Travesas.

Ademais, Fontán ve opcións para Tilve, Mariño e Piñeiro en mulleres, e para García, Vidal e Rascado en homes. “Despois hai as sorpresas de cada campeonato”, apunta.

A selección da Universidade leva varios sábados adestrándose. O día 10 de decembro viaxará a Braga, onde competirá os días 11 e 12.