Envó seguirá co Amfiv

Imprimir

20130313_envoDespois dunha tempada en Bilbao para probar novas experiencias, Lorenzo Envó regresou a pasada campaña  a Vigo, a súa casa. E fíxoo con ganas de quedar. A súa renovación polo Amfiv foi moito máis doada do esperado.

 

As súas ganas de continuar no equipo puideron máis que calquera posible oferta, que as houbo, moitas e importantes, e permiten á entidade presidida por Pablo Beiro seguir contando co xogador que foi a auténtica referencia dende o ascenso á División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas.

Lorenzo nesta ocasión volveu decidir máis co corazón que coa cabeza e o seu cariño ao Amfiv e Vigo se impuxo a outras ofertas moito máis potentes economicamente falando.

Sen dúbida, o grande papel realizado polo equipo, terceiro en Liga e Copa, tras a súa volta á casa axudou tamén a tomar esta decisión. "Estou moi satisfeito co que conseguimos a tempada pasada e con como foron as cousas. Despois de estar a campaña anterior en Bilbao, foi unha boa decisión volver á casa. Onde vou atopar un sitio mellor que a miña casa"  explica Lorenzo Envó.

Persoalmente tamén foi un bo ano para el, cun xogo moito máis completo, sen brillar tanto na anotación pero achegando outras moitas cousas ao grupo. Por iso, as ofertas foron inevitables pero todas elas descartadas. A solidez e a confianza que lle achega o Amfiv no apartado económico superan a propostas a priori máis atractivas pero coa incógnita de saber se logo se concretarán e cobrará todos os meses. "Agora a situación está moi complicada para cambiar e marchar a algún equipo onde non sabes como van funcionar as cousas. Estiven a ver as opcións que había por aí porque tiña boas ofertas pero pensei que onde vou atopar un sitio no que estea mellor que na casa. Aquí sempre se me tratou ben e creo que son querido tanto polo club coma por sla xente. Así, non vi motivos para emprender unha nova aventura", analiza Envó.

Respecto á nova tempada, en primeiro lugar Lorenzo mostra o seu descontento polo cambio de formato na División de Honra. "Non me parece normal que se faga unha liga con dous grupos, unha medida que en teoría se toma para aforrar custos, e que os grupos non se fagan por un criterio xeográfico, un para a zona norte e outro para a zona sur. Agora, nós temos que xogar contra os rivais que máis lonxe temos. Supoño que esa medida se tomou por un problema económico para aforrar custos nos desprazamentos, así que non entendo por que non se fixeron os grupos por proximidade,", apunta.

Centrándose no Amfiv, Lorenzo Envó recoñece que "estou un pouco desconectado ata que volvamos aos adestramentos. Sei que perdemos a David Mouriz, o que supón unha importante baixa para nós, pero hai que adaptarse ás circunstancias. Sairemos a pelexar co que o club, coas súas circunstancias económicas, sexa capaz de fichar e cos xogadores que teñamos. Vendo o que están a fichar outros equipos e coñecendo as posibilidades do Amfiv, non podemos dicir que imos pelexar pola liga porque non temos esa capacidade económica. Teremos que facer como o ano pasado, pelexar e ir partido a partido porque aínda que non teñamos tanto diñeiro para facer un equipo máis amplo e con posibilidades, o noso esforzo vai ser o mesmo ou máis que o de calquera. Iso si, todos saben que ao final case sempre están arriba os equipos que teñen un maior presuposto e unha capacidade económica maior"