Cabecera Vide

O Amvif renova a Txema Avendaño

amfiv_txemaEra unha das negociacións máis complicadas para o director deportivo do Amfiv, José Antonio Beiro, á hora de intentar manter o bloque que tan bo papel realizou a pasada tempada, conseguindo o terceiro posto tanto en Liga coma en Copa. Un xogador interior, clase 4 e habitual nas listas da selección nacional é unha peza moi cobizada nun mercado non demasiado extenso.

Por iso, todos no conxunto vigués sabían que reter por terceira campaña consecutiva a Txema Avendaño ía ser moi complicado, especialmente porque o Amfiv, co seu limitado presuposto, non pode competir economicamente coa inmensa maioría de equipos da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas. Non obstante, o pívot vasco valorou outras cousas como a seriedade do club, o proxecto e as súas boas experiencias estas dúas tempadas por enriba da oferta económica para quedar finalmente en Vigo. "Decidín seguir no Amfiv porque é como unha familia e onde mellor estou a render", comenta Avendaño.

"A continuidade de Txema no Amfiv é unha buenísima noticia para nós, que nos permite afrontar con moita máis tranquilidade o resto da planificación deportiva. Despois de dúas tempadas aquí, rendendo a un bo nivel, esperamos que esta terceira campaña consecutiva en Vigo supoña tamén para el un punto de inflexión. A idea é que este ano sexa aínda máis protagonista e que asuma o peso do noso xogo interior. Txema vai ser a nosa referencia nas dúas zonas, tanto en defensa coma en ataque. Cremos firmemente que está preparado para selo e imos apostar decididamente porque así sexa", subliña o máximo responsable deportivo do conxunto vigués, José Antonio Beiro.

O propio xogador sinala que o acordo non foi nada doado e recorda que, por enriba do monetario, pesaron factores como o seu estupenda adaptación á cidade e ao equipo e o bo rendemento que ofreceu estas dúas campañas en Vigo, quedando ás portas de acudir coa selección nacional aos Xogos de Londres 2012 e ao último Campionato de Europa. "A renovación co Amfiv foi complicada xa que o ano pasado fixemos unha gran tempada, me chamo Bilbao e estiven a dubidar ata última hora. Ao final decidín continuar en Vigo xa que o Amfiv é como unha familia e deportivamente é onde mellor estou a render", explica Txema Avendaño.

Ademais, o proxecto deportivo foi outra baza importante para aceptar a oferta viguesa. "A continuidade do corpo técnico, tanto César Iglesias como Óscar Carbajo e Sergio González, foi un dos motivos que me inclinaron a renovar. Son adestradores novos, con moitas ganas e que me poden ensinar moito", puntualiza o pívot internacional.

Avendaño sabe perfectamente que as limitacións presupostarias non permiten ao Amfiv facer loucuras á hora de fichar xogadoras e, polo tanto, apunta que iso se notará á hora de fixar os obxectivos, especialmente vendo como se están a reforzar o resto de equipos da División de Honra. "O ano pasado fixemos unha tempada incrible pero tivemos baixas importantes. Esta tempada temos que saber que o obxectivo será a permanencia e ir partido a partido ver que sucede", analiza.

Iso si, a nivel persoal móstrase moi ambicioso e con ganas de converterse nesa referencia para o xogo interior do Amfiv. "Este ano é importante para min. Este verán quedei ás portas de ir ao Europeo pero o ano que vén quero ir ao Mundial de Korea si ou si. Así que adestrarei ao cen por cen tódolos entrenos para axudar ao Club a estar o máis arriba posible e conseguir dese modo o meu obxectivo de estar na lista para o Mundial", desexa Txema Avendaño.

A CANTEIRA, PRESENTE

Ademais da boa noticia da renovación de Txema Avendaño, o Amfiv comunicou tamén este venres dous mozos das súas escolas deportivas que esta tempada formarán parte do primeiro equipo. Trátase de Samuel Rodríguez, que a pasada campaña xa estivo co primeiro equipo ata que unha operación o obrigou a perderse os tres últimos meses de la tempada. Agora, xa plenamente recuperado, volverá traballar ás ordes de César, Óscar e Sergio, ao igual que fará outro canterano do Amfiv, o tudense Luismi, quen xa participou nalgúns adestramentos co primeiro equipo a campaña pasada e esta tempada pasará a formar parte deste.