Intensa fin de semana para o Volei Praia Vigo

voleipraiavigoO Club Volei Praia Vigo vive unha das semanas máis intensas desta recta final da tempada. Tras finalizar a competición autonómica como vencedor da I Liga Galega de Clubs, a agrupación olívica céntrase agora na escena nacional, que esta fin de semana acolle algunhas das súas citas máis esperadas.

En Orihuela, Alicante, comeza hoxe o Campionato de España de Selecciones Autonómicas. Entre os seleccionados para formar parte do combinado galego atópanse tres deportistas do Volei Praia Vigo: Carlos López, que compite no apartado Sub 19 xunto ao ourensano Víctor Conde e os representantes galegos da categoría Sub 21, Álex Prada e Gabriel del Carmen.

Os éxitos obtidos polos vigueses en torneos nacionais avalan as súas posibilidades no Campionato de Seleccións Autonómicas que comenzou onte, na praia de Glea. Ademais da súa xa dilatada experiencia nestas competicións, Gabriel foi subcampión de España na pasada edición da categoría Sub 19, e tamén Carlos levou unha medalla, a de bronce, na Sub 17.

Sen dúbida a súa actuación no torneo nacional, seguirá engrosando a lista de éxitos do Volei Praia Vigo, que se converte en club de referencia tanto nas categorías de base, coma na senior.

Neste último apartado o club olívico estará tamén representado na grande cita da fin de semana: o I Torneo Internacional de Laredo.

A praia de Salveina de Laredo acolle esta fin de semana a terceira proba do Madison Beach Volley Tour, todo un acontecemento deportivo que reúne ás mellores parellas de voley praia de España nun ámbito espectacular. Entre os asistentes, unha parella de xogadores xa habituados a competir entre os mellores do país: Diego Pérez e Pablo Gómez Parga, representando ao VPV.

Este ano a presenza do Volei Praia Vigo no Circuíto Nacional foi constante, coa participación de dúas parellas máis, Eduardo Rodríguez - Cristóbal Álvarez e Román Lago-Rafael de La Fuente nas dúas probas disputadas ata o momento en Valladolid e Cambrils.

Tras o torneo de Laredo, tan só queda unha proba máis, na localidade balear de Santanyi Cala Dor, para acabar co Campionato de España Senior, en Fuengirola do 20 e ao 22 de setembro. A final nacional clausurará unha tempada de praia que trouxo moitas alegrías ao club vigués con grandes resultados tanto a nivel autonómico como nacional.