Cabecera Vide

Alberto Abalde e Santi Comesaña renovan para cumprir case trinta tempadas no Amfiv

bertoO Amfiv xa ten os seus dous primeiros xogadores para afrontar a tempada 2013-2014. Despois de coñecer que Dominik Mosler, que xogará no Meaux francés, e David Mouriz, fichado polo Bilbao BSR, non seguirán no club e que César Iglesias, Óscar Carbajo e Sergio González continuarán formando o corpo técnico vigués, a entidade presidida por Pablo Beiro acaba de pechar as renovacións dos seus dous primeiros xogadores, precisamente os máis veteranos e os que, xunto a Vicky Alonso, acumulan máis tempadas defendendo a camiseta do Amfiv.

Trátase de Alberto Abalde e Santi Comesaña, dous xogadores que entre ambos os dous suman case trinta campañas na disciplina do conxunto vigués. "Para nós era prioritario asegurar en primeiro lugar a continuidade de Berto e de Santi porque forman parte da historia do noso club. Agora seguimos traballando contra o reloxo para pechar outras renovacións e posibles incorporacións posto que a intención do corpo técnico é empezar a adestrar o próximo martes 10 de setembro", avanza o máximo responsable deportivo do Amfiv, José Antonio Beiro.

Tras concretarse a súa continuidade no equipo, Alberto Abalde cumprirá a súa décimo novena tempada no club. Berto sabe que "cada día é máis difícil estar aí porque os entrenos son moi duros e a competición cada vez é máis forte. Para min, poder rematar unha tempada é xa un reto. E supoño que o club verá que aínda podo achegar algo e iso sempre se agradece".

SANTIAdemais, o xogador con máis campañas defendendo o Amfiv ás súas costas insiste en que "o máis importante é poder facer deporte porque iso é o que me gusta e moito máis se o podo facer neste club e ao nivel ao que o facemos. Aguantar outra tempada máis é moi bo non só por continuar formando parte desta entidade se non tamén pola miña propia forma física".

Santi Comesaña, pola súa banda, cumprirá a súa novena tempada vestíndose a camiseta viguesa e farao "descansado despois dun verán sen coller a cadeira e desconectado do equipo". Recoñece que a súa continuidade non foi doada posto que "eu, en principio, tiña pensado colgar a cadeira e retirarme. A miña idea foi sempre abandonar este deporte ao cal lle debo moito e que me achegou tanto pero chega unha idade na que hai que empezar a pensar noutras cousas" e asegura que "foi case un imperativo do presidente, que me dixo que tiña que seguir un ano máis porque era necesario para o equipo".

Por iso, afronta o inicio de tempada expectante. "Agora estou feliz, cando empecemos xa veremos que tal", explica Comesaña, quen apunta respecto á tempada que "igualar o conseguido o ano pasado vai ser un pouco máis difícil. Tal e como está agora a liga, o noso obxectivo ten que ser entrar na loita polo título na segunda fase". E no persoal teno moi claro. "Ser feliz", finaliza.