O Amfiv estrearase na casa ante o Amiab, nunha División de Honra con importantes cambios

Imprimir

O 26 de outubro botará a rodar un novo proxecto do conxunto vigués, nunha campaña na que se estreará un novidoso sistema de competición na División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas. Unha nova tempada na que o Amfiv intentará manter ao bloque que tan bos resultados obtivo a pasada campaña, levando a entidade presidida por Pablo Beiro ao terceiro posto tanto na División de Honra coma na Copa do Rei.

O 26 de outubro será o día no que o Amiab de Albacete, un clásico do baloncesto en cadeira de rodas nacional que volve á máxima categoría, visite o Pavillón de Bouzas para disputar a primeira xornada da tempada 2013-2014.

A crise económica provocou que a Federación Española de Deportes de Persoas con Minusvalidez Física decidira realizar unha profunda reestruturación das súas categorías, agrupando a División de Honra B e a Primeira División nunha soa, dividida á súa vez en catro grupos diferentes por cuestións xeográficas co fin de abaratar custos. Esta remodelación, á súa vez, tivo a súa repercusión na máxima categoría, a pesar dos votos en contra dalgúns clubs como o propio Amfiv, Amivel ou Mideba, que apostaban por manter o exitoso formato da tempada 2012-2013, no que a emoción foi máxima ata a última xornada, coa segunda praza de descenso e os postos do segundo ao quinto clasificado decidíndose na última xornada. Así, a FEDDF optou por repescar os dous equipos descendidos, Servigest Burgos e Caixa Vital Zuzenak, para conformar unha División de Honra con dous grupos de seis equipos cada un. Sorprendentemente, eses dous grupos non se fixeron por criterios xeográficos para buscar tamén abaratar custos nos desprazamentos se non que se realizaron tendo en conta os resultados da campaña anterior, seguindo o modelo coñecido como "verme". É dicir, no Grupo 1 xogarán o primeiro clasificado da División de Honra 2012-2013 (Fundosa Once), o cuarto (Mideba Extremadura), o quinto (EMSV Getafe), o oitavo (Clínica Canto Amivel), o noveno (Servigest Burgos) e o segundo clasificado da División de Honra B 2012-2013 (CAI Zaragoza). Mentres, o Grupo 2 estará formado polo subcampión ligueiro (Fundación Grupo Norte), o Amfiv como terceiro clasificado, o sexto e o sétimo (ACE Grande Canaria e Bilbao BSR, respectivamente), o décimo (Caixa Vital Zuzenak) e o campión da División de Honra B (Amiab Albacete).

Despois desta primeira fase de grupos cunha liga a dobre volta, a intención da FEDDF era disputar uns play offs polo título pero finalmente aprobouse un cambio na idea inicial, que incrementaba muchísimo os custos da competición, optándose porque os catro primeiros clasificados de cada grupo accedan a unha segunda fase polo título na que arrastrarán os resultados entre si e só se medirán aos catro primeiros do outro grupo. Mentres, os dous últimos de cada grupo xogarán unha nova liguilla entre eles partindo dende cero para decidir os dous conxuntos que descenderán á Primeira División.
"A nós gustásenos que se mantivese o formato da pasada campaña porque consideramos que se viu un espectáculo interesante, cunha liga na que se decidiron muchísimas cousas na última xornada e na que dende o segundo ata o quinto clasificado só houbo un partido de diferenza. Non puido ser así porque a FEDDF quería realizar esta remodelación aínda que tampouco entendemos por que non se fan os grupos por criterios xeográficos xa que axudaría moito máis a recortar gastos en desprazamentos. Así, nós viaxamos a Canarias e non visitamos Burgos, que tras Valladolid é o equipo que temos máis preto. De tódolos xeitos, é o formato que se aprobou e adaptarémonos a el o mellor posible", explica o presidente do Amfiv, Pablo Beiro, quen subliña que "agora mesmo, os nosos esforzos se centran en tratar de renovar o bloque da pasada campaña, aínda que sabemos que será moi complicado pola grande tempada que fixemos. Confiamos en que a solidez do noso proxecto e a historia e tradición do club sexan argumentos abondos para tratar de convencer xogadores que, seguro, van ter interesantes ofertas enriba da mesa".

GRUPO 1

1r clasificado 12/13         Fundosa Once
4º clasificado 12/13         Mideba Extremadura
5º clasificado 12/13         EMSV Getafe
8º clasificado 12/13         Bilbao BSR
9º clasificado 12/13         Servigest Burgos
2ª clasificado DHB 12/13  CAI Zaragoza

GRUPO 2

2º clasificado 12/13          Fundación Grupo Norte
3r clasificado 12/13          Club Amfiv
6º clasificado 12/13          ACE Gran Canaria
7º clasificado 12/13          Clínica Rincón Amivel
10º clasificado 12/13         Caja Vital Zuzenak
1ª clasificado DHB 12/13   Amiab Albacete