César Iglesias, Óscar Carbajo e Sergio González cumprirán a súa terceira tempada no Amfiv

cesar_oscarO Amfiv xa ten corpo técnico para a campaña 2013-2014. O conxunto vigués mantén a aposta iniciada hai varias tempadas e seguirá confiando en tres adestradores que proveñen do baloncesto a pé, aínda que despois de tres anos xa se atopan plenamente integrados no baloncesto en cadeira de rodas.

Así, César Iglesias, Óscar Carbajo e Sergio González cumprirán a súa terceira campaña no banco do Amfiv, a primeira na que os tres coincidirán dende o inicio posto que César Iglesias regresaron ao club na recta final da tempada pasada para substituír a Julio Bernárdez.

Agora, o corpo técnico traballa intensamente co director deportivo, José Antonio Beiro, para pechar as renovacións pendentes e ver as posibilidades que ofrece o mercado dentro do limitado presuposto vigués, toda vez que xa se coñece que David Mouriz, fichado polo Bilbao BSR, e Dominik Mosler, que probará sorte na Liga Francesa co Meaux, non seguirán no equipo.

César Iglesias non oculta que "estou moi ilusionado con este novo proxecto porque, a pesar das dificultades económicas, co esforzo de todos conseguimos que o club siga adiante. Esperamos que o feito de perder unha gran peza no noso bloque non nos pase factura e que o resto do grupo continúe para que poidamos competir. Igualar ou superar o logrado a tempada pasada é difícil pero iremos partido a partido e sempre coa máxima ilusión".

O técnico vigués, que xa dirixira ao Amfiv na tempada 2010-2011, regresou ao club na recta final da pasada campaña coa intención de quedar. "O ano pasado, en ese pouco tempo que quedaba, tratamos de manter o equipo en forma e competir nunha liña continuista. Esta tempada si que se van cambiar cousas a nivel de xogo e de xeito de traballar porque dende o corpo técnico trataremos de dar un aliciente novo a xogadores que levan varias campañas aquí", subliña Iglesias, quen avanza que "estou centrado" no Amfiv e nada máis", aínda que o seu caché como técnico de baloncesto a pé sempre deixa a porta aberta a algunha proposta irrechazable como xa sucedese hai dúas tempadas. "É algo que pode pasar pero tería que aparecer algo realmente bo para deixar un club como o Amfiv, que xa é a miña casa,", puntualiza.

Iglesias non ten dúbidas respecto a como funcionará o corpo técnico. "Xa fixemos a transición do baloncesto a pé ao adaptado. Traballei con Óscar e Sergio dous meses pero xa os coñecía. Si que creo que van ver un xeito diferente de traballar ao que facían antes. Ao final da tempada pasada xa puideron ver algunha pincelada. Os tres forman un grupo de traballo moi bo porque, francamente, nos compenetramos moi ben", resalta o primeiro adestrador do conxunto vigués, quen confía tamén en que se poida manter o bloque de xogadores. "Debemos aproveitar que a forza do noso grupo é que se coñecen e que levan moito tempo xogando xuntos", desexa Iglesias.

Óscar Carbajo, pola súa banda, tamén se mostra "moi contento de continuar e que o club confíe en mi por terceiro ano consecutivo. É o equipo da miña cidade e identifícome con el plenamente. Levo tres anos traballando basicamente co mesmo bloque de xogadores e xa hai unha afinidade importante con eles. Todo é óptimo para que a perspectiva da tempada sexa boa".

Carbajo cumprirá a súa terceira tempada consecutiva no corpo técnico xunto a Sergio González e, tras os dous meses da campaña pasada, agora compartirá unha enteira con César Iglesias. "Con Sergio a sintonía é total. Coñecémonos perfectamente. Con César traballei por primeira vez a tempada pasada e a toma de contacto estivo ben. Este ano afondaremos máis a nivel persoal e de traballo pero os tres estamos plenamente integrados xa no basket en cadeira", explica o técnico, que continuará compatibilizando o seu traballo no equipo coas súas funcións como responsable de baloncesto e adestrador en Salesianos.

Respecto ás perspectivas para esta nova campaña, Carbajo mantense á expectativa. "Vai depender un pouco de ver como queda finalmente o noso equipo, se conseguimos renovar os xogadores e se podemos fichar algo, e do que fagan os demais conxuntos da División de Honra. Esperamos poder manter o bloque, aínda que coa ausencia de Mouriz seguro que temos que afrontar un cambio de roles. Algúns xogadores terán que dar un paso adiante e teremos que centrarnos en que esa xente sume un pouco máis do que daba habitualmente para facer unha boa tempada e tratar de dar o nivel do ano pasado".

Por último, Sergio González móstrase igualmente "encantado porque dende o primeiro ano o club confiara en min e manteña esa confianza. Iso permite traballar con moita máis comodidade". González, que se encarga principalmente da posta a punto física do Amfiv aínda que a pasada campaña logrou como primeiro adestrador o ascenso do senior masculino do Seis do Nadal á Primeira Autonómica, gaba a incorporación ao corpo técnico dende o primeiro día de César Iglesias. "Xa ten experiencia doutras tempadas no club e é unha persoa que sabe moito e coñece a dinámica do baloncesto en cadeira de rodas, co que pode achegar moito ao equipo e ao resto de adestradores," finaliza Sergio.