andrearica4Outra bolseira da Fundación Vigo en Deporte no cumio. Andrea Rica (Vigo, 1984) non se perderá estes Europeos. A taekwondista viguesa atópase na cidade e será a especialista da TVG este sábado para cubrir o evento. Curioso: a gran campioa local non poderá estar sobre o tapiz nestes Europeos (obviamente por idade) nin tampouco o ano que vén nos Mundiais universitarios, tamén nas Travesas (hai dous anos que acabou a súa carreira e o que estuda actualmente non é convalidable). A afección local sempre a viu gañar lonxe da súa casa.

Rica, bolseira de VIDE dende 2006 e concentrada todo o ano no CAR de Sant Cugat (Barcelona), asegura que nun torneo destas características “se cadra hai sorpresas” e espera que algunha caia no lado dos loitadores galegos. A viguesa, bronce nos Mundiais de Copenhague (peso pluma, -57 kilos), dá “moitas opción” de medalla a Raúl Bouzas e José Fernández, que estiveron concentrados coa absoluta para esa cita danesa “aínda que son moi novos”, e asegura que España ten “unha selección bastante forte”.

A nivel persoal, Andrea Rica ten marcado en vermello dúas datas do calendario do 2010: os Campionatos de España absolutos (marzo) e, “se todo sae ben”, di, os de Europa (10-16 maio, San Petersburgo). Rica é campioa de España absoluta dende 2006, gañou dous bronces en Mundiais absolutos (Pequín 2007 e Copenhague 2009) e foi campioa galega sub 21 en Moaña 2003, na segunda edición destes novidosos campionatos.