taekwondorecepcionO presidente da Fundación Vigo en Deporte, Xabier Alonso, e o tenente de alcalde de Vigo, Santiago Domínguez, ofreceron onte unha recepción aos membros da Unión Europea de Taekwondo e aos representantes das delegacións que ata o domingo disputarán a primeira edición dos Campionatos de Europa sub 21 de taekwondo.

No acto, que tivo lugar no Verbum de Samil, o presidente de VIDE e á súa vez concelleiro de Deportes fixo votos para que “moitos dos deportistas que participan en Vigo 2009 estean nos Xogos Olímpicos de Londres 2012”. Alonso cre que estes eventos “permiten que Vigo apareza nos mapas de xeografía”, pero tamén considera que “o deporte achega valores como a solidariedade, o traballo ou a planificación e que unha cita deste calibre supón para a mocidade unha fusión de culturas”.

Pola súa banda, o grego Athanasios Pragalos, presidente da ETU, dixo que “Vigo 2009 será un bo campionato debido á gran capacidade organizadora das federacións galega e española”.

No encontro, Santiago Domínguez asegurou que “non imos defraudalos”, e considerou básico este tipo de probas “para que nenos e nenas teñan unha visión moito máis animada do que pode ser a práctica deportiva”. Domínguez Olveira, que polo crisol de linguas presentes dirixiuse aos invitados en galego e castelán traducido logo ao inglés, pechou a serie de intervencións cun pequeno discurso en inglés no que deu por feito que “o campionato será un éxito” e que “á súa conclusión, todos vostedes terán a nosa cidade no seu corazón”.