Cabecera Vide

Os Campionatos de Europa sub 21 reúnen en Vigo a un campión do mundo absoluto e sete dos Europeos juniors

A primeira edición dos Campionatos de Europa sub 21 ofrecerá nas Travesas a presenza dos mellores taekwondistas do momento na súa idade e tamén en categoría junior. Tras os Europeos de Trelleborg para idade junior (maio) e os Mundiais absolutos de Copenhague (outubro), Vigo atópase agora cun evento novo no que un puñado de deportistas quere seguir a festa e pechar 2009 no alto do podio. Así, da cita danesa chegan polo menos cinco taekwondistas en disposición de facer algo grande, e un deles como ouro absoluto; e dos Campionatos de Europa na cidade sueca inscribíronse para o coliseo vigués sete campións continentais.

 Cun campión do Mundo absoluto e sete coroas europeas entre os participantes, igualdade e emoción preséntanse no tapiz a medias. E para o público, ademais de ver combates de alto nivel e aos a curto prazo dominadores do taekwondo planetario, o interese multiplícase por seis: media ducia de seleccionados con España son galegos. Ademais, na lista de favoritos a selección española colocou a dúas por méritos propios, Joel González e Paula Benes. González, que competirá o domingo en peso mosca, gañou o ouro nos Mundiais absolutos de Copenhague; Benes (1992) é campioa de Europa junior en -47 quilos e en Vigo buscará o podio en -47. Compite este venres.

Turquía, Francia, Israel e Alemaña tamén presentan campións continentais de idade junior. Nas Travesas pelexarán as turcas Aydin Turkan Asena (1992) e Nur Tatar (1992), o israelí Gili Haimovitz (1993) e a francesa Niare Haby (1993). Ademais, en categoría masculina estarán outros dous ouros europeos. O galo Anthony Junique (1992) e o xermano Orcun Ozturk (1992).

A soa presenza destes competidores garante o gran nivel dos tres días de combates. Pero a eles hai que sumar outros favoritos en bo momento polo mero feito de participar vinte días atrás nos Mundiais absolutos. É o caso de Maeva Coutant (Francia, 1991), que apeou á galega Rebeca Mariño en Copenhague, Yasmina Aziez, Cindy Moe Ortega (Noruega, 1990) ou Ali Muzatar (Dinamarca).

Coas mañás reservadas para os cruces clasificatorios (sistema de eliminatoria directa), a partir das 9.00 horas e ata as 13.30, a loita polas medallas chega pouco logo da hora para comer: o venres, as semifinais celebraranse desde as 15.30, fronte ás 16.00 horas fixadas para o sábado e as 15.30 do domingo. As finais do día, ás 18.00 (venres), 17.30 (sábado) e 16.45 horas (domingo).

Galicia, cun terzo da representación na selección española que acudiu a Vigo (Pablo Carou, -54; Borja Ríos, -62; José Fernández, -67; Raúl Bouzas, -72; Lara Ouviña, -59; Sabela Lonja, -63), ten moito que dicir neste torneo.

Para Vigo, esta será tamén unha proba da súa capacidade organizativa. En 2008 e 2009 a Universidade de Vigo organizou os Campionatos de España universitarios nas Lagoas-Marcosende, con grandes resultados para os seus deportistas. Agora tocan os Europeos sub 21 baixo a organización da Federación Galega de Taekwondo que preside Mercé Barrientos. E en 2010 chegarán ao pavillón central os Mundiais Universitarios.

 Campións en Vigo (214.06 kB)