Concello de Vigo    

Cabeceira Vide

Obra ValenciaVolve o Cidade de Vigo de baloncesto masculino. Será este sábado, co patrocinio do Concello de Vigo e a organización da Fundación Obradoiro, no Pavillón Central das Travesas, ás 20:00 horas. Obradoiro e Valencia Basket son os equipos elixidos despois de que nos últimos anos tivéramos no Central o Memorial Quino Salvo.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, esperan unha excelente entrada. A ACB regresa ao parqué do Pavillón Central tralas últimas experiencias de partidos de alto nivel que a afección viguesa ten visto nestes anos. O cadro levantino, estes días sen posibilidade de adestrar no polideportivo Fonte de San Luis, ocupado pola Copa Davis de tenis, fará unha curta xira por Galicia contra o “Obra” e o Breogán. Cos santiagueses, o amigable vigués supón a devolución de visita da súa participación o ano anterior no Trofeo Ciudad de Valencia.

Hai días, no Central, fíxose a presentación do evento, co rexedor, Abel Caballero, o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, o presidente do "Obra", Raúl López, o seu homólogo da Galega, Julio Bernárdez, e o base arxentino Fernando Zurbriggen, no club compostelán dende 2021. Así, o Obradoiro, tres veces no Central polo Memorial Quino Salvo (2016 fronte ao Joventut, 2017 diante do Barça e 2019 contra o Alba Berlín), xogará co Valencia Basket, equipo español de Euroliga que disputou o derradeiro memorial en 2021, cando venceu ao Breogán (66-75). O equipo taronja chegou á ACB en 1988. dende aquela solo se perdeu a tempada 1995/96. Por certo que no caso do Obradoiro, será esta a décimo terceira campaña consecutiva dos composteláns na ACB e a primeira que xoguen copas europeas. A finais de mes na Turquía.

Este encontro supón a aposta municipal por dar continuidade cada ano a que a afección viguesa poida presenciar no Central de As Travesas partidos importantes de baloncesto masculino (Liga ACB). No portal de internet ataquilla.com están as entradas á venda, ao prezo único de 11 euros por billete (gastos de xestión incluídos).