Concello de Vigo    

Cabeceira Vide

Becas 2022A Fundación Vigo en Deporte bateu tódalas marcas de axudas ao deporte individual ao chegar a vinte e nove deportistas, dez deles mulleres, na súa novena edición das bolsas sub-23. O programa VIDE en Futuro, que se chama así dende o ano pasado, volveu repartir 20.000 euros e xa suma 180.000 dende 2014 para as modalidades individuais, dúos ou tríos.

Catorce modalidades, con ximnasia (5 bolsas) e vela (4) como as de maior presenza, foron beneficiadas nesta ocasión polos seus resultados durante a campaña 2021/22. Seguíronlles bádminton, squash e taekwondo, con tres deportistas cada un, ademais doutros de atletismo, judo, esgrima, natación, remo, surf, ciclismo, hípica e tríatlon. Nunca se chegara a tal cifra. Os mellores anos, 2014 e 2021, acadaron a vinte e oito deportistas, un menos que agora.

Coa asistencia do alcalde, Abel Caballero, quen como presidente de VIDE delega a execución dos programas no edil de Deportes e vicepresidente de VIDE, Manel Fernández, o acto tivo lugar no Pavillón Central das Travesas, lugar habitual dende a pandemia.

Caballero felicitou aos deportistas, un bo puñado deles campións de España, pero tamén outros con destacada experiencia internacional, como o deportista Pedro Vázquez, que foi o primeiro en puntuación. As bolsas distribúense, en función dun baremo, cun máximo de 1.000 euros e un mínimo de 400, e son incompatibles coas subvencións do Concello.

Así, o goberno local felicitouse por ter podido axudar este ano a un total de 74 deportistas, entre os 45 cheques da Concellería de Deportes e os 29 de VIDE. En total, un investimento de 70.000 euros que por primeira vez se esgotou.

Neste programa VIDE participan activamente as empresas patrocinadoras da fundación, así como o propio Grupo Recalvi, presente no Padroado dende este mesmo ano. Ao acto asistiron representantes do Grupo CdeC, Hyupersa Vigo, Frutas Nieves, Naviera Mar de Ons, Vitrasa Grupo Avanza, Altia, New Balance e Recalvi.

Este ano, quince premiados repetiron axudas do ano pasado ou anteriores, mentres que catorce son deportistas que nunca recibiran este apoio ou que nunca o solicitaron. Dende 2014 VIDE concedeu un total de 217 bolsas a 125 deportistas.

Bolseiros-as VIDE en Futuro 2022