IMG 20Vigo en Deporte executará na tempada 2021/22 ata catorce programas para clubs, deportistas e competicións, anunciou o edil de Deportes e vicepresidente da fundación, Manel Fernández na presentación das actividades.

Nunha campaña na que se cre que a Nova Normalidade estará moito máis preto, ximnasia, xadrez e patinaxe artística, entre outras modalidades, incorporaranse aos programas que executa a Fundación VIDE. O Club Maniotas, que estivo en primeira liña unha vez máis cunha vintena de nenas e levou o seu berro de guerra "Viva o Maniotas!" ao histórico coliseo vigués, organizará o Cidade de Vigo de ximnasia e o Patín Vagalume Celtamotor o Trofeo Concello de Vigo de grupos show.

Abel Caballero, alcalde de Vigo e presidente de VIDE, asegurou aos clubs presentes no acto de inicio de tempada no central das Travesas que "queremos recuperar o tempo perdido", en referencia ao ano e medio que a pandemia freou en seco a actividade deportiva, "e imos prestar máis atención ao deporte e a novas instalacións deportivas; o noso compromiso é relanzar o deporte", sostivo.

O rexedor dirixiuse tamén ás empresas patrocinadoras de VIDE: "Encántame vervos ao noso lado". E resumiu o seu estado de ánimo en dúas cuestións. Unha, que "esta é unha cidade de cooperación público-privada"; outra, que "os patrocinadores de VIDE están en todos os eventos deportivos da cidade". VIDE conta cos grupos CdeC e Recalvi, Frutas Nieves, Gadis, Naviera Mar de Ons, Altia, Avanza Vitrasa, New Balance ou Coca-Cola, entre outros, para apoiar os seus programas.

No acto, de arranque de tempada, Caballero entregou unha medalla de recoñecemento a Antonio Vázquez, presidente saínte do Club Natación Vigo Rías Baixas, polos seus dez anos de traxectoria no club (os seis últimos como presidente). O Vigo Rías Baixas está posicionado no panorama galego con dúas excelentes travesías a nado, unha delas nocturna, e ademais dende 2014 traballa de xeito conxunto co Concello para promocionar a natación de base coa Liga Escolar Concello de Vigo, na piscina do Carme.

Precisamente o novo presidente da entidade, Enrique Pérez Cruces, recibiu outra medalla por acadar o club o cuarto de século de existencia, pois naceu en 1996, e quere celebrar a efemérides como se merece.

O terceiro premio foi para a Federación de Peñas Recreativas El Olivo, por trinta anos de respaldo ao deporte vigués a través das súas seccións deportivas, coa patinaxe artística como a súa actual punta de lanza. Camilo Pais, o seu presidente, recolleu o galardón dunha entidade que durante anos abriu os ollos á cidadanía sobre a calidade do deporte feminino.

VIDE manterá os seus programas estrela (Vigo Cup, as bolsas para deportistas, os Xogos de Reis ou os campus polideportivos), pero potenciando outras opcións. "Este é un momento de emocións tras vinte meses de pandemia. Estamos xa ás portas da Nova Normalidade e esperamos desenvolver toda a actividade deportiva. Estamos de volta", sinalou Manel Fernández.