Cabecera Vide

VIDE achega 20.000 euros a trinta e un clubs grazas ao programa Siareiros e suma xa 183.000 € con esta liña de axudas dende 2011

IMG 2072 copiaA Fundación Vigo en Deporte, dedicada á promoción do deporte de base e que impulsa o Concello de Vigo, abonou estes días un total de 20.000 euros aos clubs do seu programa Siareiros pola tempada 19/20 e xa acumula unha achega de 183.000 euros por este concepto dende que Manel Fernández, edil de Deportes, asumiu a Vicepresidencia de VIDE no 2011.

Como cada fin de campaña, VIDE, coordinada polo concelleiro, por delegación do alcalde, ten en conta o traballo de base dos clubs e a súa capacidade de captación de masa social. Ata trinta e un clubs víronse beneficiados por esta donación, que se desembolsa cada verán para que as entidades poidan atender pagos de adestramentos nas instalacións deportivas municipais.

Manel Fernández entende que nestes momentos o deporte necesita tamén de todos os recursos que o Concello xera de forma directa ou indirecta e VIDE continuará prestando o seu total apoio ao deporte formativo. Este ano, ademais, o carné Siareiros foi por vez primeira único, sen distinción de clubs de elite (moitos xa non cobran entrada ou esta é simbólica) e de base como se facía antes, buscando máis a solidariedade dos seguidores para fidelizalos.

Seguindo a liña marcada polo alcalde de manter intactas as subvencións deste ano, VIDE transferiu ese diñeiro como un apoio máis ás entidades deportivas. Non é, ademais, o único programa da Fundación co que os clubs acadan cartos.