Web VIDEUn cento de partidos, campos cheos, frío, emoción, equilibrio, luz artificial de última xeración para seguir sen dificultade os partidos nocturnos... A sétima edición do Torneo de Nadal Concello de Vigo arrincou este xoves cun maratón de encontros en categoría alevín para determinar esta tarde (17:20 horas, Meixoeiro) o primeiro campión do trofeo, que ademais accederá ao Super 6 do sábado no Municipal Pahiño.

Coa meirande parte de grupos de tres equipos, o defensor do título, o Victoria, pasou primeiro do seu grupo (non sen certo sufrimento: derrotou ao Areosa B (2-1) e despois salvou a clasificación como líder cun traballado empate ante o B do Candeán (1-1). E iso que o equipo que patrocina Vitrasa atopouse por detrás no marcador ante os da Madroa, que lle fixeron o 0-1 na segunda metade. Ninguén regala nada.

Co vixente campión tamén pasaron como primeiros o Nieto, Victoria B, Alertanavia, Teis, Colegio Hogar, Coruxo, Sárdoma, Rápido de Bouzas e Candeán. Vantaxe? Que iniciarán a fase de cruces dende os oitavos de final a media mañá de hoxe, mentres os segundos clasificados terán que competir entre eles nunha primeira rolda que comezará para catro equipos ás 9:30 horas e para outros catro ás 10:05. Os cuartos xogaranse ás 13:00 e 13:35 horas e as semifinais, ás 16:00 horas.

Por suposto, nas bancadas os cruces (e o frío) eran o máis comentado. No campo, luvas (algún árbitro tamén), camisolas térmicas... e un ritmo de xogo endiañado. Todos queren gañar o cadro alevín e verse as caras este sábado con Real Club Celta, Oporto (actual campión do Torneo de Nadal na súa versión alevín), Dépor, Lugo e Pabellón de Ourense no Super 6 internacional.

Os alevines deron para moito. Houbo algún durísimo correctivo, pero tamén marcadores apertados: o que máis, o 1-0 do Pereiró ao Desportivo Monçao luso. E, por suposto, derbis: o clásico do Meixoeiro é o Nieto-Lavadores, pois ambos comparten campo. O triunfo foi para aqueles (2-1), que terminaron primeiros do grupo A... co Lavadores apeado ao rematar segundo o Arenas de Alcabre, que asinou dúas táboas (ambalas dúas 1-1) cuns e outros. Outro duelo de rivalidade foi o Sárdoma-Moledo (grupo G), cun 5-0 para os blanquiazuis. Ademais, os dous equipos do Victoria derrotaron ás dúas formacións do Areosa: o Á ao B areosista (2-1) e o B ao A (3-1). O Areosa tivo que conformarse con ser segundo nos dous casos. Os oitavos confirmados en Meixoeiro: Victoria B-Areosa B e Alertanavia-Teis (10:40), Coruxo-Victoria (11:50) e Sárdoma-Castrelos (12:25).

Velaquí resultados e cadro da fase final, remitidos por Afavi, a asociación do fútbol afeccionado de Vigo, que organiza esta competición:

Resultados fase previa alevín

Cadro fase final alevín

Resultados fase previa infantil

Puntos fase previa prebenxamín

Puntos fase previa benxamín