Cabecera Vide

Hyupersa Vigo, concesionario de Hyundai, e Manel Fernández entregaron a motocicleta sorteada na Vigo Cup

motovideO scooter KSR Classic 125 sorteado pola Fundación VIDE e Hyupersa Vigo a prol dos clubs participantes na Vigo Cup 2019 xa foi recollido polo posuidor do boleto afortunado, José Manuel Castro, nun sinxelo acto nas instalacións de Hyupersa Vigo, o concesionario oficial de Hyundai. Á entrega asistiron o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e o xerente de Hyupersa, Juan José Paz.

O boleto número 11.933 resultou gañador do sorteo celebrado o derradeiro día do torneo internacional de fútbol base no campo do Vao. O afortunado vencedor, domiciliado en Mondariz, lembrou que mercara a rifa durante o torneo do CD Coya previo á Vigo Cup, pola presencia dun equipo das escolas de fútbol de Ponteareas -onde compite o seu fillo- no campionato. “Axudas cando te ofrecen estas cousas, pero logo é típico metelo na carteira e esquecerte del”, explicaba. Porén, o procedimento seguido polo Club Deportivo Coya foi perfecto. Con cada boleto que vendía aseguraba un contacto por si a sorte chamaba á porta dun dos talonarios que xestionaba. Así foi e a entidade da Bouza avisou ao pai.

A doazón por boleto custaba 1 euro e os clubs obtiveron un total de 20.000 euros, conseguindo VIDE e o patrocinador o obxectivo marcado para que as entidades sumasen recursos atípicos e que a súa participación na Vigo Cup non lles supuxera coste adicional. A motocicleta entregada por Paz e o concelleiro está valorado no mercado en 1.800 euros.

A Vigo Cup 2019 contou na edición deste verán con 2.315 xogadores e xogadoras en fútbol 11, fútbol 7 e fútbol sala en 242 equipos, superando deste xeito os 3.000 participantes pois entre os cadros técnicos e o colectivo arbitral foron máis de 300 acreditacións as dispostas.

O patrocinador, que é concesionario oficial de Hyundai, amosouse encantado dende o primeiro momento coa idea. Este foi o segundo ano consecutivo que Hyupersa doa un ciclomotor para accións de VIDE e do Concello.