hSMfvm8fiyO boleto número 11.933 resultou gañador do sorteo do ciclomotor da Vigo Cup, un scooter KSR Classic 125, que doou Hyupersa Vigo, o concesionario oficial da marca Hyundai na cidade. O derradeiro día do torneo, este domingo no Vao, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o director xerente de Hyupersa, Juan José Paz, extraeron tres boletos, o gañador e mesmo dous suplentes por esa orde.

O 11.933 foi vendido polo Club Deportivo Coya (custaba 1 euro de doazón), o segundo en saír foi o 11.573 (vendido tamén polo CD Coya) e o terceiro, o 13.048, foi vendido polo Alertanavia.

O posuidor do primeiro número, José Manuel Castro acudiu este mesmo luns á sede da Fundación Vigo en Deporte (VIDE) para presentar o billete premiado. É veciño de Ponteareas e mercouno durante o torneo do CD Coya previo á Vigo Cup. En total, os clubs tiveron 20.000 números (20.000 euros en doazóns) para que os gastos de inscrición no torneo internacional de fútbol base foran rebaixados ou amortizados coas participacións no sorteo da motocicleta entregada polo concesionario da marca surcoreana.

Dende hai anos, VIDE ten diversos incentivos para os clubs (os campións da edición anterior teñen inscrición gratuíta na seguinte, prezos conxelados...) e este verán sumouse a iniciativa do sorteo da "scooter". Para o vindeiro ano, o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, traballa en novas fórmulas para fomentar a participación das entidades deportivas viguesas.